Os Socialistas de Oroso denunciamos o abandono do Camiño Inglés por parte da Xunta e da Deputación.

Pese á negativa do PP de Oroso, aprobamos unha moción na que pedíamos unha maior implicación da Deputación.
A situación vivida a principios de agosto por un grupo de peregrinos, que quixo facer noite no polideportivo de Sigüeiro sen nin sequera avisar previamente e que pretendía dispoñer ao seu antollo das instalacións deportivas de todos os veciños, volveu poñer de manifesto o abandono do Camiño Inglés por parte da Xunta e da Deputación da Coruña. Xa pasaron máis de cinco anos e medio dende que o Concello de Oroso, en novembro de 2009, aprobara por unanimidade ceder unha parcela ao Xacobeo para a construción dun albergue de peregrinos no que a Xunta presidida polo socialista Emilio Pérez Touriño comprometera un investimento de 450.000 euros.
Un dos moitos incumprimentos do PP con Oroso e os seus veciños que, desta vez, tamén prexudica aos máis de 3.500 peregrinos que percorren cada ano o Camiño Inglés. Unha cifra que non deixa de medrar. Ante esta situación, os Socialistas de Oroso apoiamos a postura adoptada polo compañeiro Manuel Mirás de non seguir cedendo o polideportivo, pois iso prexudica aos nosos veciños. En primeiro lugar, porque verían reducido a disponibilidade destas instalacións, tanto a primeira como a última hora do día. En segundo lugar, porque a continuada pernoctación de peregrinos causa desperfectos nas instalacións. E en terceiro lugar, porque esta situación prexudica aos veciños e veciñas que utilizan os polideportivo e que, por exemplo, non teñen acceso á auga quente durante as primeiras horas da mañá.
Os Socialistas de Oroso consideramos que xa é hora de que a Xunta do PP cumpra cos seus compromisos e faga ese albergue que leva atrasando dende hai máis de cinco anos e medio. Ademais, presentamos unha moción plenaria para que a Xunta e a Deputación da Coruña se impliquen na potenciación da promoción turística e económica do Camiño Inglés. O compañeiro Antonio Leira, encargado de defender esta proposta tanto en Oroso como ante a Institución Provincial, pedíu en especial a implicación da Deputación “porque o Camiño Inglés é o único que discorre integramente pola provincia”. Neste sentido, os Socialistas de Oroso consideramos que a Deputación coruñesa debería tomar exemplo da Deputación de Lugo, presidida polo socialista José Ramón Gómez Besteiro, quen se puxo á cabeza da promoción do Camiño. Ou mesmo que tome exemplo da Deputación de Pontevedra, gobernada tamén polo PP.
Como era de agardar, a moción contou co apoio de todos os grupos municipais coa excepción do Partido Popular. Unha vez máis, e non será a última, o señor Balado e compañía volveron a esquencer os intereses dos veciños e veciñas de Oroso para asumir docilmente as instrucións que chegan dende O Hórreo, non vaia ser que se enfaden os xefes. E en certo xeito non deixa de ser lóxico, pois o señor Balado non vai a criticar ao seu xefe na Deputación, non vaia ser que quede sen choio. En lugar diso, repetiron o mantra aznariano de “España va bien”, aínda que a Deputación nin sequera chegase a indicar un folleto turístico sobre o Camiño Inglés que recolla información como, por exemplo, que en Sigüeiro non hai albergue.