O secretario xeral da Consellería de Educación desminte as palabras de Doval

Hai uns días, que fácil e sinxelo lle resultou ao voceiro do PP de Oroso, Alexánder Doval, e ao deputado popular Ovidio Rodeiro contar unhas trolas nunha rolda de prensa sobre os investimentos da Xunta de Galicia no Concello de Oroso…
 
Sen embargo, hoxe, no Parlamento, que difícil lle resultou ao secretario xeral da Consellería de Educación, Manuel Vila, negar diante da nosa compañeira Noa Díaz Varela a evidencia de que o CEIP Plurilingüe de Sigüeiro non recibirá en 2023 un só euro da Xunta de Galicia para a reforma integral que precisa. Non quería dicilo abertamente, pero escapóuselle, destapando unha vez máis a trola de Alexánder Doval.
 
Dalles igual que o centro teña 40 anos, dalles igual que nunca tivera unha reforma de calado, dalles igual que hai case 10 anos que prometeron arranxar a cuberta, a instalación eléctrica e os aseos, dalles igual que alí haxa case 400 nenos e nenas, e dalles igual que a comunidade educativa leve máis dun lustro soportando unhas condicións indignas… Só lles preocupa facer un reparto electoralista dos fondos para marxinar e discriminar aos concellos nos que non goberna a súa cor política. Así de triste e así de certo.
Convidámosvos a ver este extracto das intervencións de Noa Díaz e de Manuel Vila no Parlamento, porque son máis que clarificadoras sobre quen falta á verdade. E como ben di a nosa compañeira, desde o PSOE seguiremos loitando para que a Xunta de Galicia atenda as xustas peticións da comunidade educativa do CEIP de Sigüeiro.

Deixa un comentario