O PSdeG presentará emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2023

O Grupo Parlamentario do PSdeG presentará emendas aos orzamentos da Xunta de Galicia para 2023 para reclamar un mínimo de 815.000 euros de investimentos en Oroso a través de partidas específicas para as melloras necesarias na EDAR (315.000 euros) e o arranxo do CEIP de Sigüeiro (500.000 euros).
Así o acordaron o alcalde, Luis Rey Villaverde, e o concelleiro Antonio Leira coas deputadas Noa Díaz Varela e Begoña Rodríguez Rumbo durante a reunión mantida para concretar os detalles das “reivindicacións xustas e sensatas” da Agrupación Socialista de Oroso e para “avaliar novas medidas de presión”.
 
Luis Rey considera “inaceptable” a “marxinación e discriminación de Oroso por parte da Xunta por razóns estritamente partidistas” e cualifica como “vergoñento” o “silencio cómplice” do voceiro popular, Alexánder Doval, “que está a quedar en evidencia diante da veciñanza por antepoñer a sumisión co seu partido aos intereses dos cidadáns”.
 
“Cando a Xunta de Galicia decide investir cero euros en Oroso non está a facerlle unha faena ao alcalde nin ao PSOE de Oroso; o que está é a ningunear e faltarlle ao respecto a toda a veciñanza de Oroso, incluídos os propios votantes do PP”, remarca Luis Rey.

Deixa un comentario