4,2 millóns de euros de investimento no rural

O goberno socialista de Oroso, primeiro con Mirás Franqueira Manolo e agora con Luis Rey Villaverde na Alcaldía, alcanzará nestes catro anos de mandato a cifra récord de 4,2 millóns de euros de investimentos no rural. En total, estamos a falar de máis de 40 proxectos de obras principalmente orientados á mellora da rede viaria, a ampliación da rede de saneamento e abastecemento de agua, a instalación de novo alumeado público e a dotación doutros servizos básicos.

Esta cifra de investimentos récord no rural é a mellor proba da capacidade de xestión do goberno socialista de Oroso, especialmente no contexto dun mandato complicado por mor da pandemia e agora pola crise derivada da invasión rusa de Ucraína. 

Entre as actuacións rurais máis destacadas dos dous anos deste mandato con Manuel Mirás de alcalde figuran a mellora da rede viaria nos lugares da Igrexa e Cas (Os Ánxeles), Vilar de Abaixo (Deixebre) e Zan e A Costa (Trasmonte), cun investimento de 227.000 €; a dotación das redes de abastecemento de agua e saneamento en Piñeirón (Gándara), con 174.000 € de investimento; e o acondicionamento da senda peonil de Oroso Pequeno ata o parque fluvial do río Carboeiro, con 169.000 €.

En canto ás nove obras da súa etapa como rexedor desde maio de 2021, Luis Rey apuntou que no caso da construción da senda peonil de Baxoia ata Bouzalonga (Deixebre) as obras comezarán o vindeiro luns, mentres que o resto están finalizadas ou en fase de execución: ampliación da rede de abastecemento de auga desde o núcleo de Sar ata o núcleo de Cabanas (Os Ánxeles) cun investimento de 29.000 €; abastecemento e bombeo de auga a San Román de Pasarelos (72.000 €); asfaltado de pistas en Ponte Carollo (Cardama), con 48.000 €; mellora da rede viaria nos lugares de Cabanas e Sar (Os Ánxeles), San Román de Abaixo (Pasarelos), Ventosa (Cardama), Oroso Pequeno (A Gándara) e O Barral (Vilarromarís), con 75.000 €; ampliación da calzada do vial que une Piñeirón e Carollo (Cardama), con 187.000 €; saneamento e abastecemento de agua no campo de Cabanas, en Oroso e cercanías, con 94.000 €; saneamento e abastecemento de auga no núcleo dos Carballos (Deixebre), con 91.000 €; e ampliación da calzada do vial que une os núcleos de Requeixo e Eirís (98.000 €).

Respecto ao investimento de 1,97 millóns de euros que Luis Rey compromete para 19 proxectos no rural orosano ata maio de 2023, cómpre salientar as seguintes actuacións: mellora da rede viaria nos lugares de Oroso Pequeno, Oroso de Abaixo e a avenida Castelao (47.000 €); mellora da rede viaria nos lugares da Igrexa e Bouzalonga (Deixebre), con 101.000 €; rebacheo de pistas (30.000 €); ampliación do abastecemento e saneamento de auga no lugar da Estación (34.000 €); ampliación do abastecemento de agua en Villabarro-Mariñaos (41.000 €); novo alumeado público na senda peonil Sigüeiro-Estación (47.000 €); arranxo de pistas en Recouso (37.000 €); reparación da ponte de Berdomás (80.000 €); mellora da rede viaria en Baxoia (Deixebre) e Cruz de Folgoso, con 35.000 €; mellora da eficiencia enerxética en Portoavieira (210.000 €) e ampliación e mellora da entrada a Portoavieira (102.000 €); ampliación da rede de saneamento desde Os Carballos ata Vilar de Arriba (Deixebre), con 142.000 €; construción dun circuito deportivo en Portoavieira (150.000 €); e mellora da rede viaria en Falmega (Gándara) e O Curro (Vilarromarís), con 46.000 €.

“Nesta recta final do mandato tamén imos reforzar especialmente a execución de actuacións comprometidas nas parroquias da zona leste do municipio”, entre as que se atopan Marzoa, Pasarelos, Calvente, Os Ánxeles, Senra e Cardama. Dous dos proxectos máis destacados nesta zona son a mellora da rede viaria de Baiuca (Senra) ata Requeixo (Cardama), cun orzamento de 316.000 €, e a mellora da rede viaria no Formigueiro (Senra) e Requeixo (Cardama), nunha actuación conxunta cun orzamento de 311.000 € que tamén inclúe melloras en viais de Penateixa (Gándara) e Castro-Burgao-Piñeiro (Trasmonte). A estas obras hai que sumarlle outros 110.000 € para a mellora da rede viaria de Piñeirón (Gándara) e Arderís (Senra), 100.000 € para a dotación do servizo de abastecemento de auga en Marzoa e 60.000 € para a ampliación do abastecemento de agua en Calvente.

Deixa un comentario