O voceiro do PP solicita “bonificacións ilegais”.

O secretario xeral do PSdeG-PSOE de Oroso, Jonatan Rey, cualificou hoxe como “inaudito e lamentable” que o voceiro do Grupo Municipal do PP solicitara ao goberno local no último pleno a aprobación de “bonificacións ilegais” no Imposto de Vehículos de Tracción Mecánica (IVTM).
 
Segundo explicou, a bonificación do 100% para os vehículos con etiqueta ambiental CERO “sería ilegal ao incumprir o artigo 95.6 da Lei reguladora das Facendas Locais”, que só permite bonificar ata o 75% en función da clase de carburante que consuma o vehículo e en función das características dos motores dos vehículos e a súa incidencia no medio ambiente.
 
Jonatan Rey explicou que a ordenanza municipal de Oroso xa contempla bonificacións do 60% para os vehículos con etiqueta ambiental CERO. “O voceiro do PP está a pedirlle ao goberno local que faga algo ilegal e non sabemos se é máis preocupante que o faga con mala fe ou por descoñecemento da lexislación, pero en calquera dos dous casos está a demostrar unha carencia de coñecementos que deixan en evidencia a súa inexperiencia para optar a xestionar un concello como Oroso”, afirmou.

Deixa un comentario