Noa Díaz pide á Xunta que colabore co Concello de Oroso na “imprescindible e urxente” actuación da mellora da depuradora de Sigüeiro

 

A deputada socialista Noa Díaz pediu hoxe á Xunta que colabore co Concello de Oroso na “imprescindible e urxente” actuación da mellora da depuradora de Sigüeiro. Fíxoo, despois de presentar unha batería de iniciativas neste sentido no Parlamento de Galicia.

Malia que o Concello de Oroso abona anualmente 90.000 euros polo canon de saneamento da auga, sinalou Díaz, a Xunta nos últimos 13 anos “non reverteu esta achega económica en ningunha obra de mellora, cuestión que non acontece da mesma forma noutros concellos”, onde o Executivo autonómico sufragou actuacións de mellora, o que dá lugar a un “agravio comparativo” entre os diferentes municipios.

Dende que a depuradora entrou en funcionamento en 1998 e malia que dende o seu inicio se constatou que a instalación estaba excedida na súa capacidade de tratamento, a primeira obra de mellora se levou a cabo foi en 2009, pero a actuación, lamentou a socialista, “non foi todo o efectiva que se precisaba”.

Ante esta circunstancia, a empresa explotadora da instalación, a mandato do Concello, elaborou dous informes, en 2016 e 2020, cunha avaliación da situación das instalacións e un orzamento de mellora valorado, na última memoria, en 253.000 euros, polo que agora, concluíu Díaz, “é de xustiza que a Xunta cumpra co Concello de Oroso e colabore na mellora da depuradora de Sigüeiro”.

Para nós @ IMPORTANTE ES TI.

Deixa un comentario