Os Socialistas de Oroso renovan a súa Executiva con Jonatan Rey Bouzón como Secretario Xeral

A Agrupación Socialista de Oroso celebrou unha asemblea esta fin de semana na que elixiu por unanimidade a nova Executiva Local e os representantes nos comités Nacional e Provincial. Unha nova executiva na que Manuel Mirás se mantén coma presidente pero na que se da entrada a un gran número de mozos e mozas, encabezados por Jonatan Rey como secretario xeral.

Jonatan Rey Bouzon agradeceu as ensinanzas de Manuel Mirás e Antonio Leira pois “con só 23 anos é un orgullo ser o secretario xeral desta agrupación”. Definiu aos Socialistas de Oroso como “unha das agrupacións máis importantes da provincia”, como demostra a súa gran representatividade nos comités nacional e provincial, ademais de contar cun deputado provincial e un senador nacional, quen previamente fora vicepresidente da Fegamp.

O novo secretario xeral marcou o camiño a seguir co obxectivo de gañar as próximas eleccións municipais: “recuperar as reunións e asembleas, explicarlle á veciñanza o que fixemos e escoitar tamén as súas demandas e seguir enviando mensaxes positivas a través das redes sociais para que se coñeza o que fan os socialistas á fronte do Concello”. Jonatan Rey rematou citando a Rodríguez Zapatero: “todos os éxitos que se conseguiron neste país foron soñados anteriormente por socialistas. Entón, sigamos soñando por Oroso”.

Previamente, Manolo Mirás Franqueira presentou un informe de case 40 anos de traballo e valorou a nova executiva: “mestura de veteranía e xuventude” de Jonatan Rey. “Hai que saber dar un paso a un lado para que entren novas persoas e novas ideas”, asegurou o presidente dos Socialistas de Oroso, quen dixo que “o partido empeza unha senda nova, con novos aires, cunha nova executiva que vai facer as cousas ben e coas que imos traballar para gañar as eleccións”.

Un punto no que coincidiu o noso alcalde e secretario de política municipal e acción electoral, Luis Rey Villaverde, quen advertiu contra “os comentarios de xente que xoga a ser política pero que desexan o mal para o seu pobo con tal de que a eles lles vaia ben”, facendo fincapé en que “cada militante é tan importante como calquera da Executiva á hora de dicirlle á xente o que facemos e o que imos facer por eles en todas as parroquias”.

Deixa un comentario