Manolo Mirás comprométese en Deixebre a non subir os impostos nos próximos 4 anos

mitin-deixebre

O alcalde e candidato socialista á Alcaldía de Oroso, Manolo Mirás, comprometeuse onte en Deixebre a non subir os impostos nos próximos catro anos. Fixo este anuncio en contraposición á campaña de “falsas promesas” que está a facer o PP, partido ao que acusou de incorrer en “contradiccións”, como “becas para todos e baixar impostos”. “Para que as becas sexan iguais para todos tenas que dar o Goberno de España, iso non lles corresponde aos concellos”, argumentou. “Pero menos aínda se pode dicir ao mesmo tempo que vas quitar impostos, porque así as contas non dan, porque hai que cubrir os servizos mínimos”, engadiu.

Ante un local social repleto de xente, Mirás explicou con cifras o que supón para as arcas municipais unha baixada pequena de impostos: “Neste concello pagan impostos aproximadamente 6.000 persoas. Se lles baixamos a cada unha 25 euros ao ano, isto significa que no concello entran anualmente 150.000 euros menos. E en catro anos, 600.000 euros menos. Así pois, baixamos isto e sacamos actividades?”

Pero o alcalde fixo fincapé en que da boa xestión económica municipal dependen os programas de servizos sociais. “Se non fora polos concellos, e nisto si que falo dun esforzo de todos os concellos, goberne quen goberne, a xente maior que está necesitada estaría abandonada”, dixo. Salientou, pois, que “a axuda no fogar hai que mantela”, así como o programa Xantar na Casa, que permite levar unha comida quente a maiores que viven sos e precisan de axuda.

Recordou tamén que o Concello fixo un convenio co complexo residencial de maiores de Porto Avieira para poder acoller durante seis meses a persoas en situación de necesidade, mentres se lles busca praza nunha residencia pública. Tamén co centro de día se desenvolve un programa de respiro familiar. “Todas estas cousas fanse cunha boa xestión e coa axuda de todos vós”, destacou.

A xestión escrupulosa dos cartos municipais fixo posible un cambio fundamental no concello de Oroso desde a chegada dos socialistas á Alcaldía. “Teño a gran satisfacción de que case fixen un concello novo, porque hai 14 anos estaba nunha situación penosa administrativamente, non había nin arquivos”, rememorou.

Explicou que desde ese momento impulsou “unha economía produtiva” no concello, reducindo os gastos protocolarios e sen incrementar a plantilla de persoal en 12 anos. “Temos pouco gasto de persoal e así os cartos dan para facer máis obras. “Agora estamos pagando as facturas en 18 días”, resaltou, “e levamos catro anos con remanente positivo de tesourería”.

Desenvolvemento dos polígonos

Mirás chamou tamén a atención dos asistentes ao respecto do absurdo de que outros partidos prometan creación de postos de traballo. “Iso non se pode dicir, porque iso non o pode facer o Concello, porque se arruinaría. O que si pode facer e ir enchendo o polígono industrial”, explicou.

De feito, anunciou que unha das medidas que levan os Socialistas de Oroso no programa electoral é proporcionar maior flexibilidade para facilitar a licenza de apertura ás empresas que se instalen no Polígono de Sigüeiro e no de Oroso Pequeno, así como facer o posible para continuar co Polígono Industrial San Martiño II de Oroso e tratar de atraer para alí empresas.

Proxectos para Deixebre

Manolo Mirás explicou aos veciños e veciñas as cousas concretas proxectadas para a parroquia de Deixebre. En primeiro lugar, prolongar ata Bouzalonga a senda peonil que agora chega ata Baxoia, obra que xa ten proxecto e que precisa financiamento, polo que será feita o ano que vén. Tamén anunciou a instalación do saneamento en Vilar de Arriba e Vilar de Abaixo.

O candidato socialista dixo que será mellorado o local social, para que os veciños poidan facer alí comidas. Por último, referiuse á mellora das pistas e, concretamente, anunciou o asfaltado dunha pista nova “moi necesaria” porque ten moito tráfico, que é a que vai dar a Vilalbarro. No programa electoral os Socialistas de Oroso comprométense ademais a buscar unha solución para a ampliación do cemiterio de Deixebre, consensuada con todos os veciños e veciñas da parroquia.

O acto electoral en Deixebre contou tamén coa participación do veciño desta parroquia que forma parte da candidatura socialista á Álcaldía de Oroso, Francisco Javier Torres. Este candidato púxose a disposición da veciñanza para axudar na medida do posible a mellorar a parroquia e o concello.

O veciño de Deixebre membro da candidatura, Fran Torres, nun momento da súa intervención

O veciño de Deixebre membro da candidatura, Fran Torres, nun momento da súa intervención

Deixa un comentario