Mirás: “Eu prefiro ser un alcalde pedichón e non un alcalde mudo como son os do Partido Popular”

mitin-oroso

O Local Social de Oroso quedouse onte moi pequeno para o acto electoral do candidato socialista ás eleccións municipais, Manolo Mirás. Houbo que abrir as ventás para que veciños puidesen escoitar desde fóra a súa intervención, moi crítica co PP, partido ao que acusou con múltiples exemplos de supeditar os intereses da cidadanía ás súas aspiracións electoralistas.

“O vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda, di que son un pedichón; eu prefiro ser un alcalde pedichón a ser un alcalde mudo, como son os do Partido Popular”, sentenciou. Recordou aos veciños e veciñas asistentes que os alcaldes do PP calaron cando houbo a suba dun 34% do canon do lixo, a mesma postura que adoptaron na recente reunión sobre o transporte metropolitano, cando “por dar un caramelo” a concellos populares en época electoral optaron por incluír municipios moi afastados na rede de transporte metropolitano en lugar de recoñecer a necesidade de “poñer mellores coches con máis frecuencias” para facer eficaz a rede xa existente.

“Hai que ter moito coidado coas falsas promesas”, advertiu, para despois argumentar a falsedade dalgunhas propostas que figuran no programa do PP de Oroso: “Di que haberá becas para todos; non é posible, porque un concello ten un teito de gasto controlado polo Ministerio de Economía, e se dedican moitos cartos a unha cousa, hainos que quitar doutras. Din que van baixar ou quitar impostos; véxoo moi difícil, non vaia ser que lles pase como a Rajoy, que dixo que os ía baixar e cando tomou posesión subiunos”.

Manolo Mirás manifestou a súa indignación coas mensaxes lanzadas polo PP “para embarrar a campaña”: “Non vos deixedes enganar co que vos din por aí de que tivemos abandonadas as parroquias”, destacou. O candidato socialista aclarou que no rural foi investida unha cantidade media anual superior aos 400.000 euros. Recordou ademais que o Concello de Oroso, grazas á súa solvencia económica, foi o único da comarca que cada ano investiu en obras do rural a totalidade da súa partida do Plan de Obras e Servizos que o Estado distribúe a través das deputacións, cando os outros concellos dedicaban parte destes cartos a gastos correntes.

Rexeitou tamén que o Partido Popular se atribúa agora a execución de grandes infraestruturas como o novo colexio, a nova escola infantil ou o enlace da AP-9. “A gardería concebíuse en 2010, en virtude dun plan que establecía o pago repartido entre o Estado, a Xunta e o Concello, 164.000 euros cada un. Pero é que o Concello puxo ademais o solar, e a urbanización, por valor de 119.000 euros”, explicou.

Ao respecto do colexio e do enlace da autopista, Mirás recordou que foron infraestruturas comprometidas polos executivos de Touriño e Zapatero, respectivamente. Explicou que a Xunta presidida por Feijóo fixo todo o posible para evitar a construción do novo colexio, e que o goberno de Rajoy demorou deliberadamente por tres anos a construción do enlace.

Advertencia sobre a inexperiencia

O candidato socialista fixo fincapé en que “na candidatura do PP non hai nin unha soa persoa que teña un día de experiencia no Concello”. “A inexperiencia pódenos xogar unha mala pasada, e podemos retroceder ao que se facía hai 14 anos”, advertiu.

Mirás rememorou que á súa chegada á Alcaldía naquel momento no Concello “había máis 500 cartas sen abrir” e “150 millóns de pesetas de débeda”. Pola contra, o Concello de Oroso leva agora “4 anos consecutivos de superávit financeiro e contable”, a pesar da crise. “Reducimos a débeda do Concello nun 70%”, salientou.

Compromisos coa parroquia

O alcalde recordou aos veciños e veciñas que a parroquia de Oroso foi obxecto de moito investimento municipal, dada a súa extensión e necesidades, con actuacións como o abastecemento de auga na Estación ou parte do saneamento de Vilacide de Abaixo. Anunciou que no próximo mandato levarase auga ao cemiterio, instalarase o alumeado no Cruceiro, farase a ampliación do saneamento en Vilalbarro, e construirase a senda desde o cruce do Riás ata o campo da festa.

Adiantou ademais que xa están licitadas as obras de ampliación da pista que sae á altura dos Mariñaos, as obras de rebacheo xeral e tamén a construción do novo centro cívico.

Mirás destacou que os Socialistas de Oroso contan “cun proxecto de concello” co que queren “seguir adiante”, dado que “con esta folla de ruta virámolo co de enriba para abaixo”.

O acto electoral na parroquia de Oroso contou tamén coa participación de Beatriz Rodeiro, número 4 da candidatura, e de Antonio Leira, actual concelleiro de Cultura e Ensino, que ocupa o número 3 da lista presidida por Manolo Mirás.

Deixa un comentario