As asociacións veciñais trasladan aos Socialistas de Oroso as súas peticións para as parroquias

150413-reunion-asociacions-vecinais

Preto de vinte persoas participaron onte na reunión convocada polos Socialistas de Oroso en representación das asociacións veciñais das distintas parroquias do municipio. O equipo responsable do programa electoral, integrado por Vanesa Boo, Antonio Leira, Beatriz Rodeiro e Luis Rey, convidou aos asistentes a explicar as súas demandas e peticións, sempre de cara a redactar un programa electoral “realista”.

A ampliación da rede de abastecemento de auga e sumidoiros, a mellora de pistas e ampliación de sendas e beirarrúas, e os puntos de luz foron algúns dos temas que centraron as intervencións dos representantes veciñais congregados.

Luis Rey destacou que os Socialistas de Oroso son “conscientes da necesidade” de ampliar a rede de traída de auga, así como do alcantarillado. “A nosa aposta é levala a todos lados”, destacou en referencia á auga, se ben puntualizou que “o alcantarillado é máis complexo e vai ir máis lento, porque ás veces hai que meter sistemas de bombeo en lugares onde non se contaba”.

Polo que respecta ao alumeado, destacou a necesidade de trasladar aos veciñas e veciñas que piden puntos de luz que os soliciten por escrito ao Concello. “Rematouse a política das farolas a demanda”, recalcou Rey, quen insistiu en que “hai un plan de alumeado público” cada ano, baseado nas peticións rexistradas.

Neste sentido, Antonio Leira explicou que o plan de alumeado ten o obxectivo de racionalizar o investimento en farolas e conseguir un aforro, tamén tendo en conta a progresiva substitución de lámpadas normais por bombillas tipo LED. Asemade, aclarou que as peticións ao Concello “non quedan en saco roto, queda todo rexistrado”.

Luis Rey recoñeceu tamén que o PSdeG orosán é coñecedor da necesidade de máis beirarrúas e sendas, “porque cada vez a xente camiña máis, e iso é bo”. Destacou que para este ano o 90% dos arranxos que son necesarios nas pistas xa están programados dentro da partida para o Plan de Obras e Servizos que concede a Deputación e que complementa o Concello.

Deixa un comentario