A Ministra de Fomento retrasou o enlace sur da AP-9 durante dous anos e medio sen ningunha xustificación

Agora que por fin deron comezo as obras do novo enlace sur da AP-9 de Oroso, que permitirá coller a autopista desde Sigüeiro en dirección Santiago, cómpre destacar que a Ministra de Fomento retrasou a construción deste vial sen ningunha xustificación durante dous anos e medio.

O Partido Popular pretende agora atribuír á Ministra Ana Pastor unha xestión en prol das comunicacións na nosa comarca que non só non fixo, senón que se dedicou a entorpecer durante máis de dous anos e medio. Debemos reiterar que este enlace sur da AP-9 debémosllo ao acordo adoptado no último Consello de Ministros presidido por José Luis Rodríguez Zapatero, con José Blanco a cargo da carteira de Fomento. Este Consello de Ministros desenvolveuse o 18 de novembro do ano 2011.

A Ministra Ana Pastor retrasou as obras durante dous anos e medio sen ningún tipo de xustificación, porque non se modificou para nada o proxecto. A única xustificación en calquera caso foi política, por intentar que as obras comezasen por Santiago en lugar de por Sigüeiro, cando Audasa pedía comezar polo noso concello. Finalmente Fomento non lle deixou. Este é o gran favor que nos fixo a señora Pastor e o Partido Popular.

Non houbo variación no proxecto inicial porque para facer esta actuación Fomento non ten que facer ningunha concesión a Audasa nin Audasa a Fomento. O enlace a Sigüeiro financiase só, pois o financia Audasa integramente.

 

Agora queda por ver se a Ministra saca para diante a variante de Sigüeiro, a autovía Sigüeiro-Padrón. Aí é onde se vai ver se a Ministra cumpre con Oroso, con Santiago e con Galicia, co cumprimento efectivo dun proxecto anunciado por Fomento xa no ano 2009.

Deixa un comentario