A Xunta non cuestiona a modificación urbanística para facer o enlace da AP-9

A Xunta de Galicia vén de solicitar ao Concello de Oroso que faga unhas correccións na modificación puntual nº5 aprobada a finais de decembro para permitir a construción do enlace sur da AP-9. Esta solicitude atinxe ao espazo de áreas verdes que hai que compensar en virtude da área verde que o Concello facilita a Audasa para a construción do vial.

Así pois, este informe da Administración autonómica non pon en dúbida en ningún momento a modificación puntual adoptada polo Concello, e por suposto non cuestiona este cambio urbanístico para permitir a construción do enlace da autopista. Simplemente manda corrixir cambios que se fixeron aproveitando esta modificación urbanística, como o intento de conseguir máis terreos para a futura ampliación da depuradora e aportar máis zonas verdes ao polígono.

A actuación de Audasa supón a invasión de entre 16.000 e 18.000 metros cadrados de zonas verdes. Esta cifra será definitiva cando a empresa concrete os metros que abranguerá a superficie de servizo que levará aparellado o novo tramo de autopista. A Xunta empraza ao Concello a compensar esta zona verde que se lle entrega a Audasa.

Deixa un comentario