Mirás: “Eu non lle consentirei a ningún coordinador comarcal que en dous anos non convoque unha reunión”

cerceda-web

O precandidato á Secretaría Xeral Provincial do PSdeG na Coruña Manuel Mirás explicou onte o seu programa á militancia de Cerceda, onde espuxo a súa intención de reforzar as comarcas e intensificar con asembleas comarcais abertas a comunicación entre cargos do partido, agrupacións e simpatizantes. En resposta á explicación da agrupación sobre a súa experiencia ata o de agora no traballo comarcal, Mirás foi contundente: “Eu non lle consentirei a ningún coordinador comarcal que en dous anos non convoque unha reunión”.

Ao seu xuízo, as reunións das asembleas comarcais teñen que desenvolverse “mínimo, todos os meses”, pois “se queremos facer un traballo real é o que hai que facer, porque se deixamos pasar tres meses entre reunión e reunión estamos perdendo o fío”.

O Alcalde de Oroso manifestou a súa intención de traballar intensamente na comunicación coas agrupacións para mellorar a súa situación o que sexa posible de aquí ás eleccións municipais. “Ser Secretario Provincial significa non ter despacho; significa ter 93 despachos porque o traballo está nas agrupacións”, aclarou.

Mirás fixo un chamamento á unidade: “Deixémonos de persoas, fagamos proxecto. Temos que arranxar a casa, para que a casa estea a gusto de todos”.

O candidato orosán empregou un símil futbolístico para exemplificar as necesidades do partido na provincia: “Por que lle vai ben ao Cerceda? Primeiro, elixiu ben a súa plantilla; despois fixo unha planificación; e unha vez feita a súa planificación desenvolveu unha estratexia para os partidos. Pois iso é o que necesita o partido: plantilla, planificación e estratexia”.

Mirás dixo “aceptar o reto de pacificar o partido”, pois é necesario “remar todos na mesma dirección, porque estamos no mesmo barco”. Chamou a “axudar a moitos compañeiros e compañeiras que están desmoralizados e se ven sos”. Non obstante, manifestou o seu optimismo respecto ao traballo que hai que facer de cara ás eleccións municipais: “Teño plena confianza nos afiliados e afiliadas do partido, porque me encontro en todas as localidades con xente marabillosa con moitas ganas de traballar”.

Mirás visitou Cerceda tras manter unha xuntanza en Sada, onde tivo a ocasión de coñecer de preto a situación desta agrupación local. Hoxe, venres 14 de novembro, explicará o seu programa á militancia do Barbanza ás 20:30 horas na Agrupación Local de Noia.

Deixa un comentario