Os Socialistas de Oroso pedímoslle a Rajoy unha partida para facer fronte ao canon de bibliotecas

Biblioteca

Este inxusto canon grava ás bibliotecas públicas con máis socios e que realizan máis empréstitos.

Hai uns anos, cando un falaba de “canon” adoitaba referirse a unha cámara de fotos ou a unha fotocopiadora. Máis coa chegada de Rajoy, Feijoo e compañía, o termo “canon” pasou a ser un termo temido para o día a día das familias. Despois do canon da auga e do canon de Sogama, agora chega o canon de bibliotecas. E poderíamos ser demagóxicos e dicir que non é máis ca outra ocorrencia do señor Wert para cargarse a educación neste país, pero os Socialistas de Oroso somos rigorosos e recoñecemos que a imposición deste canon non lla temos que agradecer ao ministro de Educación, senón á Unión Europea, que obriga a implantalo pola transposición da Directiva 2006/15/CE. Iso si, tamén dicimos que a transposición que fixo o Partido Popular podería ter sido moito mellor.

E é que o Goberno Rajoy, tan dado a mirar cara outro lado dende o seu plasma en HD, descargou o canon de bibliotecas integramente sobre os Concellos. Isto supón que un Concello como Oroso tería que pagar un canon por cada libro que emprestase e, o que xa é un absurdo total, outro canon por cada socio que tivera na biblioteca. O despropósito chega a tales límites que o Concello incluso tería que pagar por deixarlle un libro a outra biblioteca da Rede de Bibliotecas de Galicia!. Aínda que ese libro sexa, por exemplo, a Guía Turística de Oroso. Dito con outras palabras, canto máis veciños lean, máis nos penalizaría o Goberno. E, tendo en conta os empréstitos e socios actuais da biblioteca, a “xogada” non baixaría dos 700 euros.

Fronte a esta situación, os Socialistas de Oroso conseguimos o apoio unánime de todos os grupos municipais para instar ao Goberno Rajoy a que asuma unha partida específica suficiente para sufragar o canon por préstamo bibliotecario, ademais de aumentar a partida orzamentaria para a adquisición de fondos por parte das bibliotecas públicas. O compañeiro e concelleiro de Ensino, Antonio Leira, explica que “ano tras anos vemos como é cada vez máis complicado dotarnos de fondos bibliográficos e, aínda por riba, agora queren que paguemos un canon cada vez que deixemos un libro. Non é xusto”.

Descargar (PDF, 87KB)

Deixa un comentario