Grazas a todos polo mellor Encontro na Penateixa.

Encontro Penateixa

Case 450 veciños e veciñas encheron a área recreativa da Penateixa (Gándara-Oroso) para participaren este sábado no tradicional “Encontro na Penateixa”, que cada ano organizamos os Socialistas de Oroso. Unha festa que foi “a máis exitosa de todas cantas levamos celebrado pois mesmo tivemos que poñer máis mesas no último momento”, explica o secretario xeral da Agrupación Socialista de Oroso, Manuel Mirás. É por iso que os Socialistas de Oroso queremos agradecervos a todos a vosa participación e o voso apoio.

O “Encontro na Penateixa” contou coa presenza da número dous do PSdeG-PSOE e secretaria de Organización, Pilar Cancela, quen bromeou cos presentes ao comentar que chegara ao encontro da man de dous simpatizantes que atopou nun bar de Sigüeiro no que parou para preguntar onde era a área recreativa da Penateixa. Canda ela participaron o deputado autonómico Xosé Sánchez Bugallo; o ex-presidente da Deputación da Coruña, Salvador Fernández Moreda; e membros das agrupacións socialistas de Ames, Ordes, Santa Comba, Santiago, Trazo e Val do Dubra; así como os integrantes das Xuventudes Socialistas de Oroso.

Preocupación
O secretario xeral da Agrupación Socialista de Oroso e alcalde de Oroso, Manuel Mirás, comezou a súa intervención dicindo que “a oposición de Oroso, en especial o Partido Popular, está moi preocupada… e eu enténdoos porque tamén estiven na oposición. A diferenza é que eu estaba preocupado porque non se facía nada en Oroso e eles están preocupados polo moito que estamos a facer os socialistas”. Mirás explicou que “o PP está desgustado porque dicían que non se ía facer o colexio, e se fixo. Porque dicían que non se ía facer o enlace sur da AP-9 e veu a súa propia ministra a desmentilos. Porque contaban polas casas que non habería nova gardería e as obras marchan a bo ritmo. Entendo que estean preocupados porque os socialistas estamos a facer moitas cousas en Oroso”.

O compañeiro Mirás tivo unha mención especial “para as catorce persoas que están a traballar na contorna do colexio para que as obras avancen o máis posible. A Xunta tiña que ter rematado as obras en maio, despois dixeron que en xullo e ao final as acabaron hai apenas unhas semanas. Pois ben, estes traballadores están a facer todo o posible para que os nosos cativos poidan entrar ao colexio nas mellores condicións posibles”.

O xantar, servido polo Restaurante A Magdalena, estivo composto por empanada, polbo á feira, carne o caldeiro, sobremesa, café e licores. Durante toda a xornada houbo actuacións musicais de grupos folclóricos. Por último, os Socialistas de Oroso queremos facer tamén un recoñecemento a todos os compañeiros que participaron na organización deste Encontro, pois grazas ao seu traballo a festa non puido ser mellor. Grazas a todos e todas.

Encontro Penateixa

Deixa un comentario