O PP de Oroso oponse por terceira vez a que os libros de texto sexan de balde.

plenogoberno

Xa o di o refrán: non hai dúas sen tres. E a sabedoría popular (a do pobo, non a do partido do señor Rajoy) é, precisamente sabia. Así o puidemos comprobar na sesión plenaria de maio cando o Partido Popular de Oroso volvía a opoñerse a que as familias galegas reciban de xeito gratuíto os libros de texto dos seus fillos.

A boa acollida da iniciativa do bipartito presidido polo socialista Emilio Pérez Touriño e o afán da dereita por tratar de derrubar todos os avances conseguidos, especialmente en materia social e educativa, fixo que unha das primeiras decisións do señor Feijoo ao tumbarse na súa poltrona na Xunta fose a de deixar a milleiros de familias galegas sen libros de texto de balde. Entre elas, centos de familias do concello de Oroso.

O partido encabezado polo señor Balado volveu votar en contra dunha moción, nesta ocasión presentada polo BNG, no que se instaba a volver a afianzar o sistema de gratuidade dos libros e que non se cambiasen os libros neste curso que comeza. Unha moción que os Socialistas de Oroso apoiamos xa que dá continuidade ás que presentamos en maio de 2011 e en maio de 2013. Tres ocasións, tres, nas que o PP de Oroso preferiu seguir as directrices do Partido Popular antes que pensar no benestar das familias de Oroso, demostrando unha vez máis que as cuestións educativas non lles interesan o máis mínimo. Algo que, tristemente, a comunidade educativa orosá puido comprobar durante os problemas xurdidos co novo colexio, onde ao PP de Oroso nin se lles viu, nin se lles agarda.

Deixa un comentario