Os desvaríos de Siverio: como ningún xuíz lle fai xa caso na Coruña, vai a Lugo a contarlle fábulas a Pilar de Lara.

PlenoXullo

Seguro que moitos vos sorprendéchedes a principios de xullo coa nova de que a xuiza Pilar de Lara lle pedía ao Concello de Oroso toda a documentación relacionada coa empresa Aquagest. Din que o tempo coloca a cadaquén no seu lugar e, unha vez máis, a sabedoría dos nosos avós volveu cumprirse. O que inicialmente se “vendeu” ante os medios de comunicación como unha extensión da trama “Pokemon” resultou non ser máis ca outra denuncia do voceiro do Partido Galeguista, Siverio Mirás.

Desta vez semella que Siverio, farto de que ningún xuíz da Coruña faga caso das súas tramas conspiranóicas baseadas en mentiras e invencións, deu por ir ata Lugo para contarlle as súas fábulas a unha xuíza que aínda non o coñece. Así, Siverio conseguíu os seus 15 minutos de gloria a costa de embarrar unha vez máis o nome de Oroso e de facer que varios funcionarios tiveran que traballar toda unha semana para recopilar toda esa documentación, deixando de atender aos veciños.

Como todas as denuncias do señor Siverio nos últimos anos, esta tampouco se sostén por ningures. E os Socialistas de Oroso pensamos que a xuíza algo se debeu imaxinar cando simplemente pediu eses máis de 5.000 folios de información, pois se os indicios que denuncia Siverio fosen reais, terían vido a buscalos directamente membros do corpo xudicial, como fixeron no veciño municipio de Santiago.

Ademais, o curioso do caso é que o Tribunal Superior de Xustiza de Galicia xa dictaminou anos atrás que o comportamento denunciado agora por Siverio foi correcto. Mais a Siverio non lle valeu a sentenza de xuño de 2006, que tivo que pedirlle a outra xuíz que xulgue un caso xa xulgado. Agardemos que esa Xustiza tamén actúe co señor Siverio cando se demostre que fixo unha denuncia falsa. Non todo vale na política.

 

 

Deixa un comentario