Entrevista a Manuel Mirás, alcade de Oroso.

manuelmiras

Manuel Mirás Franqueira é o alcalde do Concello de Oroso dende o 2002, ano no que foi reelixido polo triunfo dunha moción de censura contra o popular Eugenio Neira García. É un dos poucos políticos do PSdeG que gobernan en Galicia. Foi deputado provincial entre 1988 e o 2003, e actualmente, é o secretario de Traballo Autónomo do PSdeG.

Tantos anos de mandato deixan claro que a súa labor como alcalde está a ser bastante boa. Con todo isto, ademais de ser político, dedica gran parte do seu tempo a ser empresario, como el mesmo di: «a miña dedicación á política activa, por utilizar unha expresión, de traballo físico, é polas mañás no Concello pero polas tardes traballo na miña empresa».

Alí nos presentamos, no Concello de Oroso, onde nos mandan esperar nunha saliña improvisada cunhas poucas cadeiras. O chan é totalmente negro e unhas escaleiras de madeira invitan a subir ao piso de arriba. Agardamos uns minutos, vendo un ir e vir de xente que saía e entraba no despacho do alcalde. Algúns miraban curiosos preguntándose, quizais, quen eramos nós. Tras uns minutos o alcalde apareceu. Cun sorriso na boca e un pouco inquedo, invitounos a pasar ao seu despacho. Un sitio amplo, cunhas baldas cheas de libros e un gran escritorio. Tranquilo, incluso diría que acolledor. Tamén había unha mesa redonda cunhas cadeiras de brazos onde era imposible sentirse incómoda, e detrás catro bandeiras: a europea, a española, a galega e a orosana.

Como definiría vostede a situación política actual en Galicia?

A situación é moi preocupante porque temos un partido popular, que nos está gobernando, inmerso en cuestións de corrupción, e un goberno galego que tan só se dedica a darnos mensaxes optimistas pero sen ningunha resposta contundente aos problemas estruturais de Galicia. É dicir, que é quizais nestes momentos o peor momento político de Galicia, e quizais cun dos peores gobernos.

Fai pouco foi elixido secretario de Traballo Autónomo do PSdeG, como se enfronta a este cargo e que obxectivos se propón alcanzar?

O cargo afróntoo con responsabilidade, e sei que é un tema complicado. O traballo nestes momentos está sendo un ben escaso por conseguinte, hai que medir moito o que se pode facer para poder dar unha resposta. En primeiro lugar estou vendo o número de autónomos que hai en Galicia, e facendo logo un estudo sectorial. O que temos que ver é, destes colectivos, cales poderían crear un posto de traballo se desde o goberno lle deran unha axuda importante. De todos os autónomos que temos en Galicia, que son preto de 200.000, si ao mellor 35.000 puideran contratar a unha persoa, reduciríamos o paro en 35.000 persoas.

E por outra banda, incentivar e asesorar aos novos emprendedores. Esas son as liñas nas cales eu quero traballar.

Nunha entrevista a Crónicas da comarca do pasado mes de outubro dixo que Besteiros lle ofrecera un cargo de maior envergadura pero que vostede o rexeitou. Cal era ese cargo?

Non quixen dicir de máis envergadura senón que me levaría máis tempo, entón tiven que rexeitalo porque eu son político a tempo parcial, a miña dedicación á política activa, por utilizar unha expresión, de traballo físico, é polas mañás no Concello pero polas tardes traballo na miña empresa, por conseguinte dispoño de pouco tempo para poder dedicarlle á executiva. Aínda que o traballo que me encargou si o podo facer porque me é compatible, pero non podería aceptar outros cargos porque, evidentemente, eu non vivo da política. O salario que se cobra aquí no Concello de Oroso como político é o xusto, o que se debe de cobrar nunha administración pequena, que son 34.000 euros, que é un custe importante para a administración e polas tardes teño que traballar porque deso que se cobra hai que sacar seguridade social, impostos e todo iso. Eu non podo dedicar o cen por cen do meu tempo á política.

Pero en concreto, que cargo era ese?

Iso non llo podo dicir porque evidentemente son cuestións internas.

E falando un pouco dos proxectos que quere levar a cabo como alcalde de Oroso, como vai o da reparación da N-550 polo tramo de Sigüeiro?

Hai que dicir que toda a N-550 que discorre polos concellos de Santiago, Oroso e Ordes está nunhas condicións pésimas, nunca estivo tan mal. Espero que neste ano que ven, aínda que non sexa na súa totalidade, porque sabemos das limitacións orzamentarias que hai neste momento a nivel do goberno de España, que polo menos en parte si a vaian reparando.

Faille falta unha nova capa de asfalto e sinalización vertical e horizontal en debidas condicións. Despois, temos tamén o tema da variante de Sigüeiro. Digamos que non hai nada de nada. Fai anos que xa se fixo un estudo informativo e outro de impacto medioambiental, pero aínda non os coñecemos, non sabemos por onde se vai a facer, nin hai nada presupostado para este ano e para o próximo ano 2014. Por conseguinte unha gran decepción.

Segue contemplando a creación dun enlace sur da AP-9?

Efectivamente, e conto con que é o que máis rápido se vai a facer. O enlace sur da AP-9 en Sigüeiro está contemplado no convenio que firmou o Ministerio de Fomento coa empresa concesionaria, a empresa concesionaria puxo á venta unha serie de obrigacións para conseguir diñeiro para facer iso,onde está contemplados uns accesos a A Coruña, a ampliación da AP-9 en Santiago e a ponte de Rande de Vigo. Nos entramos dentro dese paquete e a verdade é que estou esperanzado e espero que para o ano que ven esas obras se poidan facer.

Como vai a escola que se está a facer en Sigüeiro? Evoluciona?

As obras van a bo ritmo e hai un compromiso de telas rematadas para, aproximadamente, maio e xuño do ano que ven. Despois temos unha escola de primeira infancia que acabo de firmar o convenio coa conselleira de Traballo, e espero que en febreiro máis ou menos se comecen as obras tamén. Quedaríanos ver que se podería facer no ciclo superior, no IES, se se pode ampliar tamén para facer aquí o bacharelato.

Cre que os orzamentos que lle proporciona a Xunta aos Concellos de Galicia son suficientes?

Son insuficientes, inxustos, raquíticos e con trampa. As subvencións finalistas son terceiromundistas e inxustas porque chegan sempre tarde, mal e arrastro. Ademais son arbitrarias, non están repartidas con criterios plausibles, repárteos a Xunta da maneira que entenden.

Tamén hai outra cuestión que me parece moi mal, que é que agora para acceder a estas subvencións finalistas se deben de xuntar mínimo dous ou tres Concellos, pero é unha total aberración porque que obxecto ten que teñamos que ir xuntos para facer proxectos en varios puntos de distintos Concellos? É un invento “torticeiro” da Xunta que non sei a que ven. Eu digo que pedir esa subvención sería bo se estes concellos tiveramos unha continuidade, por exemplo, a avenida de Compostela en Sigüeiro está enlazada co mesmo alumeado con parte da Barciela en Santiago, ese proxecto si se debera facer en conxunto, pero non proxectos sen relación entre si.

O voceiro popular José Manuel Balado fixo as seguintes declaracións en xullo ante o Valedor do Pobo no que dicía sobre vostede: “Sin actas y sin aviso previo , es imposible que preparemos las comisiones con la seriedad que se merece este tema (falando do tema do enlace sur da AP-9). El alcalde lo sabe y está usando sucios trucos para impedir que hagamos nuestro trabajo”. Que ten que dicir sobre estas declaracións?

A incompetencia do señor Balado quérea poñer na miña persoa. Non hai truco ningún aquí para nada, o que se refire o señor Balado seguramente que é unha comisión que se notificou

un venres e había que celebrala o luns. Entón o secretario xeral deste Concello lle comunicou que podía vir ver a documentación o sábado, ou se non incluso o venres pola tarde porque el o esperaba aquí.

Pero cal é o problema do señor Balado? O problema do señor Balado é a incompetencia, e ao mesmo tempo que é un señor que non reside nin residiu no Concello, non paga impostos nel, non ten no padrón de vehículos un vehículo a nome del, por conseguinte mellor é que cale.

Eu ao señor Balado compararíao cun mercenario, que veu aquí en paracaídas, estaba no paro e dixéronlle, oe, preséntate a alcalde e dámosche un traballo na deputación. Efectivamente, por presentalo aquí a alcalde déronlle de premio un traballo de fontaneiro na deputación, pero non fontaneiro de arranxar billas que iso non o sabe facer, fontaneiro destes que non fan nada, destes “cargo de confianza”. Pero dixéronlle: cargo de confianza si, pero non veñas pola deputación.

Pasando agora á ética, que pensa vostede do amiguismo na política?

O amiguismo non debe de existir, agora ben, hai unha cuestión, as relacións humanas sempre existirán. Eu paréceme que non son unha persoa que practique moito, nin sequera nada o amiguismo porque non teño amigos nin familiares colocados no Concello. A mesma xente que había cando entrei é a que sigue e a que entrou despois de que eu estou foi con oposición pura e dura e limpa, sen meterme eu absolutamente en nada.

E da corrupción?

A corrupción déixanos quedar moi mal a outras persoas que non somos corruptos e fai que a xente desconfíe de nós. Hai que ser duros e contundentes con eles e votalos da política rapidamente.

Eu quixera facer unha chamada á cidadanía, o castigo máis grande que se pode dar é o que teñen que dar os cidadáns. Cando vexan que unha persoa non actúa con transparencia e con honradez deben de poñela onde a teñen que poñer. Sei que isto non é politicamente correcto, e sei que se sae publicado non o vai entender ben a xente, pero parte da culpa da corrupción tena o pobo, porque ten que saber distinguir quen é corrupto e quen non é corrupto.

A min acusáronme moitísimas veces de corrupción, pero é totalmente falso e o que me acuse está contando unha gran mentira. Por conseguinte, mentres o electorado non aprenda a distinguir quen é a mesma persoa estando nos cargos que non estando, quen os atende e quen non os atende, quen é honrado e quen non é honrado, seguirá habendo o que hai.

Polo tanto pensa que o goberno actual de España non é totalmente transparente?

Para nada. Que capacidade pode ter o señor Rajoy para dirixir un país se non se daba de conta do que pasaba no seu partido? Non a pode ter, eu non o creo. E ao mesmo tempo tampouco podo crer nun goberno que está masacrando ás clases medias e baixas a impostos e lle baixa os impostos e lle fai unha amnistía fiscal aos que defraudaron, aos máis ricos. Non podo crer niso.

Entón o PSdeG en Oroso é transparente?

Totalmente transparente. Calquera cousa que queiran dicir do PSOE de aquí que a demostren pero non van ter nada que demostrar porque somos transparentes.

E o resto dos partidos que hai aquí en Oroso, pensa que teñen esa transparencia?

Dos partidos de aquí, sacado o que dixen do señor Balado, non teño nada que dicir. Non teño ningún dato que me leve a pensar que fixeron actos de corrupción desde que eu son alcalde. Si hai partidos ou concelleiros aquí que contan moitas mentiras e que o seu obxectivo son eu, como por exemplo pode ser o señor Siverio Mirás, que non é unha persoa nin transparente nin legal, porque xa o demostrou fai moitos anos e cometeu moitos erros en tódolos ámbitos. Pero que sexan corruptos para nada o penso.

Vostede viviu o cambio de goberno de España do PSOE ao PP como alcalde de Oroso, como repercutiu ese cambio neste Concello?

Repercutiu moi negativamente e ademais o PP está gobernando inxustamente para os cidadáns de Oroso desde a Xunta, e o que me preocupa e que non se dean de conta, porque nas eleccións autonómicas lle votaron masivamente. Por iso dicía que o cidadán ten que empezar a elixir mellor ás persoas que o representen no parlamento de Galicia, no parlamento español e ver ben quen vai ser o presidente do seu goberno.

E para rematar, pensa entón que ese cambio de goberno repecutiu máis negativamente en Oroso ou en Galicia en xeral?

Máis ou menos igual porque o concello de Oroso é un dos concellos con máis autonomía financeira de Galicia  xa que estamos a facer unha política fiscal responsable e desta forma, o concello pode invertir dos seus propios orzamentos cada ano, entre 800.000 e 1.000.000 de

Entón, non se notou moito o cambio no básico, logo onde se notou o cambio é nalgunhas obras que tíñamos como por exemplo a de facer un auditorio, certas cousas que tiveron que quedar no limbo por cambiar de goberno e que un goberno como o bipartito nos houbese feito.

Deixa un comentario