Javier Grela denuncia no pleno de Oroso presións dos partidos da oposición para forzar unha moción de censura e esixe “xogo limpo”

O concelleiro socialista Javier Grela denunciou nun pleno municipal  celebrado hoxe pola mañá no Concello de Oroso “presións e chamadas” dos partidos da oposición para forzar unha moción de censura.

En concreto, Grela aproveitou a quenda de rogos e preguntas da sesión plenaria para expresar o seu malestar polas chamadas que recibe desde o comezo da lexislatura desde o entorno do Partido Popular e Oroso Renovable.

“Pídolles que respecten as normas, hai que xogar limpo, estamos nunha democracia e xa terán vostedes oportunidade de gañar nas próximas eleccións”, afirmou Grela, visiblemente molesto polas chamadas que recibiu, sobre todo de persoas vinculadas co PP nas últimas datas.

“Desde a agrupación socialista de Oroso queremos manifestar a nosa solidariedade con Javier Grela, uníndonos a súa petición de respecto, non todo vale”, engade o PSOE de Oroso.

“Oroso ten un goberno estable que traballa cada día para mellorar a vida dos veciños e veciñas, é o noso compromiso e así seguirá ata as eleccións do 2023”, rematou Javier Grela.

Deixa un comentario