Os socialistas de Oroso levaron a pleno tres mocións para esixir a Augas de Galicia a limpeza dos ríos do concello e melloras na axuda no fogar e no servizo de pediatría comarcal

Os socialistas de Oroso levaron ao pleno municipal de onte tres mocións, dúas delas de forma conxunta co BNG, nas que demendaban a Augas de Galicia que se ocupe da limpeza dos ríos do concello sen cargar custos extraordinarios, melloras no servizo de pediatría en toda a comarca e un sistema de financiamento xusto para a axuda no fogar. As tres saíron adiante.

Na primeira delas, os socialistas, dacordo co BNG, demandaban ao concello que instase á Xunta a esixir que Augas de Galicia elaborase unha programación transparente das actuacións de limpeza fluvial que desenvolve durante o ano.

Ademais, reclamaba “que se redobren os esforzos preventivos nos leitos fluviais e que se estableza unha liña de axudas para que os concellos poidamos acometer a limpeza dos tramos urbanos que nos transfiriron ‘dun plumazo’”.

“Reclamamos a Augas de Galicia que se ocupe da xestión e limpeza dos ríos do noso concello sen custos extraordinarios, xa que a Xunta recada más de 50 millóns de euros ano co canon da auga, case 100.000 euros en Oroso, e aínda non fixo ninguna actuación no concello”, engadía a moción.

Noutra das mocións, os socialistas pediron “responsabilidade á Xunta e o goberno central” para manter o servizo de axuda no fogar.

“É unha competencia impropia que asumen os concellos cando lle corresponde ás administracións autonómica e estatal”, afirman os socialistas, que lembran que “a Xunta aporta 9,70 euros por hora desde o ano 2008, non subiu esa cantidade mentres se incrementaron o número de usuarios e o prezo; as empresas demandan ata 21 euros por traballador e hora”.

Por último, unha terceira moción reclamaba “un servizo de pediatría digno en toda a comarca”. En palabras da concelleira socialista Beatriz Rodeiro, “a actual situación en moitos concellos manifesta unha falta de compromiso do goberno galego hacia o rural”.

Deixa un comentario