Os socialistas da comarca de Santiago denuncian as carencias dos servizos de pediatría e esixen un sistema de finaciamento xusto para atender aos dependentes

Os socialistas da comarca de Santiago de Compostela, reunidos nunha xuntanza de coordinación, denuncian as graves carencias dos servizos de pediatría nos concellos, sobre todo nos de menor tamaño, unha situación que empeora cada mes e provoca moitos problemas aos pais dos nenos e nenas que necesitan atención médica.

Alcaldes e concelleiros socialistas de 17 municipios da comarca, deputados provinciais, no Parlamento de Galicia, no Congreso e senadores, ademais de representantes das agrupacións, mantiveron unha reunión en Compostela. Interviron o secretario comarcal e concelleiro de Oroso, Antonio Leira, o secretario de Organización provincial, José Manuel Lage; o secretario de Política Municipal e alcalde de Oroso, Manuel Mirás, e o voceiro do PSOE na Deputación, Bernardo Fernández.

“A sanidade galega ten un problema grave e como sempre os que primeiro o sufren son os veciños dos concellos máis pequenos, como esta mesma semana pasou en Touro; a situación é insostible e tomaremos medidas para que a Xunta non permita isto”, afirmou Antonio Leira.

Os concellos da comarca demandan tamén á Xunta de Galicia un sistema de financiamento xusto para manter o servizo de atención á dependencia e axuda no fogar.

Trátase dunha competencia impropia que asumen os concellos cando lle corresponde ás administracións autonómica e estatal. “A Xunta aporta 9,70 euros por hora desde o ano 2008, non subiu esa cantidade mentres se incrementaron o número de usuarios e o prezo; as empresas demandan ata 21 euros por traballador e hora nalgúns concellos”, lembran os socialistas.

Na reunión, os representantes do PSOE falaron doutros temas que afectan aos concellos, co obxectivo de coordinar iniciativas e actuacións nos próximos meses.

Deixa un comentario