Nova incoherencia grave do PP de Oroso, que apoia ao presidente do Deixebre sen coñecer a súa forma de actuar

No pleno municipal do pasado xoves, o Partido Popuular e o seu portavoz, Alexander Doval, deron unha nova mostra de incoherencia.

Na quenda de rogos e preguntas, fixo alusión á situación do SD Deixebre, que decidiu trasladar un partido ao Campo de Fútbol de Abellá (Frades) por un suposto mal estado das súas instalacións, criticando ao grupo socialista do goberno de Oroso por permitir isto.

A realidade é ben distinta. O presidente do Deixebre en ningún momento púxose en contacto co Concello de Oroso e o día que xogou en Frades estaba libre o Lino Balado, xa que o Sigüeiro xogada en Val do Dubra. “Só tiña que pedir o campo, pero preferiu facer ruído”, lamentou o alcalde Manuel Mirás.

Na mesma liña expresouse o concelleiro de Deportes, Antonio Leira, que criticou que o PP “publique nas súas redes sociais mentiras, xa que o Deixebre actuou pola súa conta e nunca se dirixiu ao concello”.

Tanto os socialistas como o BNG censuraron ademais os anuncios de clubes de alterne que ten colocados o presidente do Deixebre no campo e nos carteis dos partidos, algo impropio dos tempos actuais. A concelleira nacionalista, Isabel Fernández, cualificou de “inaceptables estas prácticas, que denigran á muller nunha instalación deportiva”.

Leira e Mirás lembraron que “o campo é propiedade municipal e non vamos a permitir estas cousas, o Deixebre é un clube que ten 35 anos e non merece esta situación á que o actual presidente o levou”.

Na mesma liña falou o concelleiro socialista Javier Grela. “Todos sabemos o que pasa co presidente do Deixebre, unha pena porque neste tema hai rapaces de Oroso que xogan ao fútbol e todos coñecemos, non merecen isto; o que pasa alí e inaceptable”, engadiu.

Os socialistas pídenlle ao portavoz do PP que “non minta, que contraste as cousas antes de publicalas, a xente está cansa de esta forma de facer política”. “O que tiña que facer é criticar ao presidente do Deixebre, non poñerse do seu lado para sacar réditos políticos”, engaden.

Deixa un comentario