Os socialistas de Oroso lamentan “o bloqueo” do PP ás melloras aprobadas polo grupo de goberno para deportes e cultura

Os socialistas de Oroso lamentan “o bloqueo” do Partido Popular ás melloras aprobadas polo grupo de goberno no concello para deportes e cultura.

Onte celebrouse un pleno extraordinario no Concello de Oroso, convocado por unhas alegacións presentadas polo PP ao modificativo de crédito de 50.251 euros aprobado para afrontar diferentes gastos de mantenemento nas infraestruturas deportivas e axudar aos clubes locais, así como para mellorar servizos culturais e de ocio.

O PP mentiu, xa que aseguraba nas súas alegacións que o grupo de goberno socialista destinara realmente esa partida a gastos electorais. “O informe de intervención municipal é claro e contundente, negando esas acusacións”, asegurou no pleno Antonio Leira.

O portavoz socialista e concelleiro de Deportes informou que “parte dos cartos son para clubes de Taekwondo, tenis de mesa, hockey, patinaxe, fútbol, pádel, baloncesto… e tamén haberá fondos para dinamizar a rede cultural ou a oferta de ocio en nadal”.

“O que non pode facer o PP é mentir, xa que di que hai clubes que lle preguntaron en que se vai facer o investimento, pero despois non pode confirmar esas supostas reunións; eu teño contacto diario con todos os clubes e o concello, na medida das súas posibilidades, atende a todo o mundo”, asevera Leira.

Tanto o Partido Popular como Oroso Renovable votaron en contra do modificativo de crédito para investimentos en deportes e cultura na sesión extraordinaria.

Deixa un comentario