Os Socialistas de Oroso lamentan “a incoherencia” do PP que “rexeita a un xuíz de paz apoiado de forma maioritaria, pero non respalda as iniciativas a favor dos veciños”

“Todos os orosáns coñecen xa a forma de facer política de Alexander Doval, aproveitando perfís falsos nas redes sociais e buscando só a confrontación”, sostén o PSOE

Os socialistas de Oroso lamentan “a nova mostra de incoherencia política por parte do PP local”, nesta ocasión pola proposta do novo xuíz de paz para o municipio.

“A proposta do grupo de goberno, que só é unha proposta que debe ser ratificada polo TSXG, obtivo un apoio maioritario no pleno, e incluso os concelleiros do PP felicitaron a Eduardo Veiras trala sesión, xa que falamos dunha persoa de consenso con moi boa relación cos veciños e veciñas”, lembran desde o PSOE.

“Lamentablemente, o Partido Popular volve facer o mesmo de sempre, felicitar en persoa e non dicir nada no pleno, pero despois acudir aos medios de comunicación para mostrar o seu desacordo e facer ruído”, apuntan os socialistas.

“Todos os orosáns coñecen xa a forma de facer política de Alexander Doval, apoiándose moitas veces en novas publicadas en varios perfís falsos nas redes sociais e buscando a confrontación”, sostén o PSOE, “como pasou hai pouco coa nova falsa dunha suposta canceira ilegal en Oroso, da que falou antes que o PP unha páxina de Facebook xestionada de forma anónima”.

“Non deixa de ser triste que o PP rexeite mocións no pleno para melloras nos centros educativos, por exemplo, pero despois perda o tempo noutros temas que non lle importan á veciñanza; a súa táctica política pasa por ensuciar e xudicializar de forma continua a vida política”, engade o PSOE.

“Que un partido como o PP critique unha elección de consenso chama moito a atención; aínda está recente a elección a dedo para presidir o Consello Económico e Social (CES) de Galicia dunha persoa, Agustín Hernández, que era portavoz do partido no Concello de Santiago”, rematan os socialistas.

Deixa un comentario