Manolo Mirás: “Comprométome a seguir traballando coa mesma ilusión do primeiro día para construír entre todos un futuro mellor para Oroso”

O socialista Manuel Mirás tomou posesión como alcalde do Concello de Oroso no pleno de constitución da corporación, celebrado hoxe sábado, tras recibir o apoio de todo o grupo socialista e da concelleira do BNG, Isabel Fernández. Fíxoo co firme “compromiso de traballar cada día para que Oroso sexa un lugar mellor para vivir”, e tras desexar sorte a cada un dos concelleiros e concelleiras Mirás apuntou á necesidade de traballar conxuntamente: “espero que sexamos capaces de traballar co único obxectivo de mellorar a vida dos orosáns”, dixo.

Corporación

Trala toma de posesión o rexedor socialista fixo un repaso polas prioridades dos últimos anos. “Son un firme defensor dos servizos públicos, por iso a sanidade, o ensino público, o deporte e a cultura, foron son e serán catro piares de goberno imprescindibles”, destacou, e lembrou os numerosos logros acadados en cada ámbito.

Así por exemplo, destacou o novo centro de saúde para Oroso, a nova escola infantil, a posta a disposición da Xunta de Galicia de todo o necesario para o CEIP do Camiño Inglés, e as numerosas escolas rurais que permanecen abertas.

“A nivel empresarial e económico temos dous polígonos industriais e pelexamos sen descanso en Madrid pola conexión sur da AP-9, cuxo enlace está contribuíndo a que novas empresas se interesen por asentarse en Oroso”, engadiu.

En relación ao rural Mirás sinalou a importancia das parroquias para o goberno socialista. “Nestes anos demostramos que as parroquias son prioritarias para nós, con continuas melloras na rede de abastecemento e saneamento de auga, arranxamos os locais sociais de todas as parroquias con calefacción e con continuas actividades en funcionamento”; sen esquecer o “gran esforzo en limpeza de camiños e pistas con varios plans de asfaltado e melloras na seguridade viaria”.

Non quixo pasar por alto o reelixido alcalde todo o acadado en materia de Servizos Sociais, recuperados da mancomunidade de Ordes para pasar a xestionalos directamente dende o Concello, así como a posta a disposición dos maiores dun centro social onde poder xuntarse e realizar actividades a diario.

Finalmente, Mirás tamén repasou os ámbitos da cultura e o deporte, e o turístico, onde se potenciou o “pulmón verde do Carboeiro”, promoveuse o Camiño Inglés e a Festa da Troita.

Un goberno estable para mirar ao futuro

Ante un salón de plenos abarrotado de público, Manuel Mirás asegurou que Oroso contará cun “goberno estable” os próximos catro anos e referiuse ás próximas actuacións previstas. “Os veciños non nos votaron o pasado 26 de maio para mirar atrás, senón para seguir traballando, por iso xa está licitada a remodelación da Praza da Foca, e conseguimos que o Ministerio de Fomento acepte a nova circunvalación dende a rotonda do Familia ata a bifurcación da estrada da Lavacolla”.

Xunto a isto, Oroso contará en breve cun novo auditorio municipal con capacidade para 200 persoas e cun terceiro polígono industrial. Ademais, o goberno municipal prevé continuar completando a rede de sendas peonís, transformar a rede de alumeado público con tecnoloxía Led, e incrementar as instalacións deportivas cun novo polideportivo e un novo campo de fútbol en Oroso que xa está en marcha.

Antes de rematar a súa intervención, Manuel Mirás lembrou “o exercicio austero e responsable” realizado nos últimos anos que permitiu ao goberno local dispoñer dunhas contas saneadas e cunha tesourería en conta corrente de máis de 1.800.000 euros. “Pero non me conformo, queremos seguir mellorando, e queremos reforzar o sentimento de orgullo e pertenza das novas xeracións, e de todos a Oroso, e por iso, tal e como veño dicindo nos últimos meses comprométome a seguir traballando coa mesma ilusión do primeiro día para construír entre todos un futuro mellor para Oroso. As veciñas e veciños de Oroso déronnos unha mensaxe moi clara o 26 de maio, e tomamos boa nota desa mensaxe clara e rotunda que nos deixaron nas urnas, onde nos dixeron que querían un goberno de centro esquerda formado polo PSdeG-PSOE e o BNG, que acadamos entre ambos un 54% dos votos emitidos válidos; por ese motivo vamos a conformar un goberno estable para estes catro anos”.

Corporación

Anécdota

Ao igual que en 2015, tamén nesta ocasión se repetiu a circunstancia de que un dos candidatos que maiores críticas lanzou antes e durante a campaña electoral sobre o noso candidato, Alexánder Doval, foi quen lle tivo que entregar o bastón de mando a Manuel Mirás, ao ser o candidato máis novo e máis vello, respectivamente.

Deixa un comentario