Compromisos concretos para Trasmonte e un repaso pola estabilidade económica do Concello, con superávit dende 2009, no penúltimo encontro de campaña

Trasmonte foi a penúltima parada dos Socialistas de Oroso antes de poñer punto e final á campaña electoral das eleccións municipais do 26 de maio. Tamén nesta ocasión, ante un local social repleto de público, os Socialistas de Oroso fixeron chegar as propostas do seu programa aos veciños e veciñas desta parroquia.

Trasmonte (2)

Neste senso, o alcalde de Oroso, Manolo Mirás, lembrou que “nestes momentos está xa contratada e pronto empezará o abastecemento de auga en Rial, Estación, Fafián e tamén a levaremos a Piñeiro”. Do mesmo xeito, “outra obra que está en licitación -dixo- é o aglomerado asfáltico da pista que vai desde a N-550 ata a Costa, e tamén outra pista demandada dende hai tempo que é a que vai dende a Costa ata o límete con Fosado”, engadiu.

Entre outras actuacións Mirás tamén sinalou a intención de continuar co saneamento nos núcleos de poboación; mellorar o parque infantil da escola e instalar biosaudables; acondicionar o campo de San Román; sinalizar e aumentar a seguridade nunha das pistas paralelas e reclamar a Fomento o arranxo dos camiños de servizo.

Mirás

Ante os veciños de Trasmonte Mirás volveu a desmentir que se vaia a facer a variante da N-550. “Teño a palabra do ministro de Fomento de que se vai a arranxar a N-550 e realizar a circunvalación en Sigüeiro dende o Familia ata a estrada da Lavacolla”, apuntou.

Asentamento de empresas

Outra das cuestións destacadas polo rexedor socialista foi a posta en marcha do polígono industrial San Martiño II de Oroso “para que veñan empresas, creen riqueza e xeren postos de traballo. Para iso tomamos medidas como bonificacións fiscais na licenza de obras ou no IBI a aquelas empresas que se asenten en Oroso e creen postos de emprego”.

No seu repaso polo programa socialista o alcalde de Oroso tamén fixo alusión á modificación do Plan Xeral de Ordenación Municipal ou á débeda do Concello cando entrou no goberno. “Nestes momentos, e dende o ano 2009 estamos con remanente positivo de tesourería; é dicir, con superávit todos os anos e cunhas contas saneadas; por ese motivo vos digo que non estamos no momento de facer experimentos con algunhas das persoas que se presentan ás eleccións”. Así mesmo, lembrou que grazas a ter as contas saneadas o Concello rescatou da mancomunidade de Ordes os Servizos Sociais para pasar a xestionalos directamente e, en consecuencia, melloralos. Ao mesmo tempo Mirás criticou o “abandono da Xunta” en relación á Lei de Dependencia e á concesión das axudas da Risga.

A diversidade cultural, a programación deportiva, a construción dun auditorio e dun novo edificio do Concello; a creación dun Centro de Día e dunha Casa da Xuventude, así como o feito de cubrir a piscina municipal ou abrir a biblioteca as 24 horas os 365 días do ano foron outros dos temas mencionados na intervención do candidato socialista á reelección á alcaldía de Oroso.

Mirás pediu ao remate do acto o apoio dos veciños e veciñas de Trasmonte para gobernar catro anos máis. “Quero pedirvos a vosa confianza; sei que todo se pode mellorar, que aínda quedan moitas cousas por facer, pero tamén sei que podemos conseguilo nos próximos catro anos, porque todo o que se fixo foi grazas ao voso esforzo; eu só me dediquei a xestionar e a distribuír, pero o esforzo foi voso”, concluíu.

De novo, unha despedida moi emotiva

No acto celebrado na parroquia de Trasmonte tivo lugar outra das despedidas máis emotivas desta campaña, a de María Liste, que tras doce anos de concelleira non repite na candidatura socialista. Liste agradeceu a confianza de Manolo Mirás así como o cariño de todos os seus compañeiros e o apoio dos veciños, e asegurou que “sempre estarei apoiando e ao servizo dos Socialistas de Oroso para o que faga falta”.

María Liste

Pola súa parte, Andrés Sánchez e Javier Grela -novas incorporacións-, destacaron o traballo realizado por Manolo Mirás ao longo de todos estes anos e amosáronse dispostos a traballar duramente para “seguir mellorando o concello de Oroso”, mentres que o socialista máis veterano, Francisco de la Fuente, arrincou multitude de sorrisos coas súas anécdotas ao mesmo tempo que se amosou agradecido pola oportunidade brindada “unha vez máis por Manolo Mirás”.

Andrés Sánchez

Francisco de la Fuente

Javier Grela

Deixa un comentario