“Sabemos que hai empresas interesadas e por iso queremos darlle un novo pulo ao polígono industrial San Martiño II de Oroso desenvolvéndoo en tres fases”

O programa de actos que están a desenvolver os Socialistas de Oroso para dar a coñecer as propostas para os próximos catro anos fixo parada este martes 21 de maio na parroquia de Oroso.Oroso

Alí o rexedor socialista, Manolo Mirás, explicou un día máis polo miúdo o conxunto de propostas para os vindeiros anos así como as actuacións concretas para esta parroquia. Neste senso destacou que “temos unha débeda grande coa parroquia de Oroso que xa se falou hai catro anos, pero que non conseguimos culminar, e que era facer un edificio multiusos amplo”. Mirás detallou os motivos de porque non se levou a cabo a obra. “Íase facer xunto ao local social pero prexudicabamos a un veciño, logo a Asociación de Veciños pediunos que non se fixese aquí e tratamos de facelo na Penela, pero para iso tivemos que cambiar a cualificación do terreo e iso demorou máis do desexado os trámites”. Non obstante, e con todo, o alcalde de Oroso afirmou que na actualidade xa se conta cos terreos necesarios para facer o edificio multiusos. “Será algo moi parecido a un polideportivo onde toda a veciñanza se poderá reunir e organizar distintas celebracións”.

Ademais do local multiusos, Mirás apuntou que xa se están a comezar as obras do campo de fútbol de Oroso, “retrasadas no seu día por mor da Administración Electrónica e a nova Lei de Contratos”; tamén se dotará de saneamento os lugares que faltan, tales como O Riás, A Pena, Vilalbarro, Campo de Cabanas e Vilacide; melloraranse diferentes pistas que xa están contratadas; ampliarase o parque infantil situado no campo da festa; establecerase a sinalización necesaria para mellorar a seguridade dos peóns na pista paralela á N- 550; e actualmente está reclamado a Fomento o arranxo dos camiños de servizo.

Alternativa á N-550

O rexedor socialista insistiu ante os veciños de Oroso que a alternativa á N-550 non se fará e desmentiu (tal e como asegurou o Partido Popular no seu día), que houbese unha partida para a súa execución. “Ían máis de 100.000 euros nos presupostos, pero non eran para levar a cabo a variante alternativa, senón para pagar o estudo medioambiental porque en ningún momento dende o PP frearon ese proxecto. Así como tampouco fixeron nada por levar adiante a glorieta da Praza da Foca en Sigüeiro para aliviar o tráfico, nin para executar a circunvalación dende o Familia ata a estrada da Lavacolla, actuacións que si conseguimos cun goberno socialista”.

Mirás

Posta en marcha do Polígono Industrial San Martiño II

Outra das actuacións que destacou o candidato socialista á alcaldía de Oroso foi o desenvolvemento do polígono industrial San Martiño II de Oroso. “Son 500.000 metros e querémolo desenvolver dun xeito máis sinxelo, en tres fases porque o seu custe é bastante elevado. Ademais xa temos constancia de que hai varias empresas interesadas en instalarse aquí, sobre todo dende que se abriu o treito da AP-9 Sigüeiro-Santiago”.

Xa a nivel máis xeral, Mirás tamén mencionou os plans do goberno socialista para construír un auditorio, ampliar a biblioteca e abrila as 24 horas os 365 días ao ano, construír un novo edificio do Concello, crear un Centro de Día de unha Casa da Xuventude, mellorar o transporte metropolitano ou promover o comercio e a hostalería do municipio.

En Oroso acompañaron ao candidato socialista Marta Liñares, veciña de Oroso e membro da candidatura; e Beatriz Rodeiro, concelleira de Benestar Social e Ensino.

Oroso

Liñares salientou unha vez máis o “orgullo de pertencer a este concello e a esta candidatura”, mentres Rodeiro anunciou en primicia “a alegría de saber que actualmente non queda ningunha persoa en lista de espera en axuda a domicilio”.

Marta Liñares

Beatriz Rodeiro

Deixa un comentario