Mirás: “Nos últimos anos Oroso gozou dunha estabilidade económica e unha situación de tranquilidade amplas e, grazas ao deporte e á cultura que temos nestes momentos somos un concello que ten nome e prestixio”

Cun repaso polas actuacións máis destacadas dos últimos anos na parroquia de Cardama comezou a súa intervención o rexedor socialista de Oroso, Manolo Mirás, no encontro mantido cos veciños e veciñas desta parroquia. Destacou así por exemplo o moderno e amplo local social co que contan os veciños e veciñas de Cardama, a construción da ponte Carollo -prometida por outros gobernos, pero que non foi construída ata a chegada do goberno socialista de Manolo Mirás-, o abastecemento de auga a case toda a parroquia e o comezo do saneamento. “Temos moitos quilómetros de saneamento, e de abastecemento de auga nada máis e nada menos que 80 km; para que logo digan que non facemos nada ou que só traballamos no núcleo de Sigüeiro”.

Manolo Mirás

Compromiso con Cardama

En relación ás actuacións previstas para os vindeiros catro anos na parroquia de Cardama, o alcalde de Oroso comprometeuse a continuar co abastecemento de auga a Eirís, o abastecemento de auga en Carollo, o ancheamento da estrada que vai de Piñeirón á ponte Carollo, o ancheamento da ponte da Gándara sobre o Tambre, asfaltar a preriferia de Carollo (xa presupostado), rematar a pista que vai da ponte Carollo a Couso, anchear a pista que vai a Eirís en varias fases e mellorar a capa de rodadura da pista que vai de Baiuca a Cardama, entre outras intervencións.

Cuestións máis xerais

Tamén na parroquia de Cardama o candidato socialista á reelección á alcaldía de Oroso fixo referencia ao tema dos impostos. “Que non digan que van a baixar os impostos porque é imposible, se baixan os impostos hai que reducir servizos, e se pretenden eliminar a plusvalía terán que subir outros. Non será que o Partido Popular quere quitar ese imposto para que vaia ao peto deles? Porque din que é un imposto inxusto, claro que é inxusto, pero para os especuladores. Eu non baixei os impostos, pero dixen que non os ía subir e non os subín”, engadiu.

Mirás tamén lembrou que o Concello de Oroso dispón na actualidade de catro millóns de euros para executar en obras. “Uns 500.000 euros xa están destinados ao novo auditorio, e outros 500.000 a un novo campo de fútbol; pero aínda así temos unha boa situación económica para, unha vez superados os atrancos da Administración Electrónica e a nova Lei de Contratos, comezar a executar proxectos”.

Chamamento á colaboración

O alcalde socialista de Oroso quixo facer en Cardama un chamamento á colaboración dos veciños. “Temos que colaborar entre todos, para facer máis actividades, para restaurar casas e convertelas en casas de turismo rural, para levar a Oroso aínda máis aló. Por poñer un exemplo, grazas ao deporte e á cultura que temos nestes momentos en Oroso, somos un concello que ten nome, que ten prestixio; e non só iso, senón que gozamos dunha estabilidade económica e de tranquilidade nos últimos anos impresionante. De feito, dende que eu son alcalde as escolas sempre abriron en tempo e en condicións cada curso escolar; dende que eu son alcalde puxemos en marcha unha gardería e abrimos outra máis, e todo pese a que nos custa cada neno 1.500 euros curso; somos o único Concello de Galicia que ten abertas cinco escolas unitarias, aumentamos a calidade dos Servizos Sociais xestionándoos directamente dende o Concello e non a través da mancomunidade de Ordes, e conseguimos tamén boa situación económica para o Concello eliminando a débeda”.

Con este balance e tras explicar as demais propostas recollidas no programa electoral dos Socialistas de Oroso, Mirás lembrou a necesidade de “non confiarse e ir a votar o día 26 de maio”.

Cardama

Cardama está representada na candidatura dos Socialistas de Oroso por dúas veciñas, Beatriz Veiras e Ana Carrillo. Ambas quixeron pronunciar unhas palabras ante os seus veciños.

Así, Beatriz Veiras destacou a importancia de participar en política “porque a política que se fai dende o Concello é a máis próxima aos cidadáns”, dixo, e tamén se referiu ao gran cambio que sufriu o concello nos últimos anos. “Todos vimos como medrou Oroso nestes catro anos, hai actividades, hai servizos e en resumo trátase dunha forma de facer que nos convence e que esperamos que siga así, por iso apoiamos a Manolo Mirás e por iso vos pedimos o voso apoio”.

Beatriz Veiras

Pola súa parte, Ana Carrillo salientou a importancia do rural para este goberno. “Á vista está que o goberno socialista de Oroso mirou e mira polo rural, temos a proba neste magnífico local social, e tamén na concentración parcelaria, e en moitos outros aspectos. Que non vos queiran enganar, todo o que se fixo ata o de agora foi grazas ao goberno socialista de Manolo Mirás. Abonda xa de falsas promesas, de que se vai facer máis con menos, o que hai que facer é traballar. Por iso o domingo 26 tedes que ir a votar, non vos quededes na casa, arredor de Oroso hai Concellos paralizados porque non se poñen de acordo os seus gobernantes, e iso eu non o quero para Oroso”.

Ana Carrillo

Ao igual que Beatriz Veiras, Ana Carrillo tamén pediu o apoio dos seus veciños. “Aquelas persoas que estades en dúbidas, non deixedes o Concello en mans de inexpertos e de quen busca o protagonismo nas redes sociais, votade a Manolo Mirás para deixar o Concello en mans de quen traballa honradamente, con transparencia e en beneficio de todos”.

Deixa un comentario