Manolo Mirás nos Ánxeles: “Para chegar a ser alcalde eu nunca denunciei a ninguén. Ca mentira non se vai a ningún lado”

De novo nun local social ateigado de veciños, nesta ocasión na parroquia de Ánxeles, o alcalde de Oroso, Manolo Mirás, deu conta das actuacións previstas no programa electoral dos socialistas para os vindeiros catro anos.

Encontro nos Ánxeles

Non obstante, antes de comezar o rexedor socialista quixo manifestar o seu descontento coa “forma de facer política do Partido Popular”. “Para chegar a ser alcalde eu nunca denunciei a ninguén, e a min xa me denunciaron 22 veces; 22 das que por certo saín totalmente indemne. É máis, pasou moita xente polo Partido Socialista e continúan a día de hoxe; se eu fose un delincuente non estarían aquí. Ca mentira non se vai a ningún lado”, afirmou.

Neste senso, o alcalde de Oroso recriminou as mentiras e o acoso ao que se están vendo sometidos algúns dos seus concelleiros. “Teño que dicir aquí que Antonio Leira é o Deputado máis valorado por todos os alcaldes, fixo un labor encomiable xestionando a economía da Deputación, e dóeme ver como lle atacan nas redes sociais con cousas que non veñen ao caso e que forman parte do pasado. Se foran persoas dirían as cousas á cara. Con todo eu sei que Antonio é cumpridor, é boa persoa, disciplinado e sei que fará o imposible por conseguir a senda dende o Cachopal ata a Grabanxa por encima de todo”.

Propostas concretas para Ánxeles

Ademais da senda dende o Cachopal ata a Grabanxa, Mirás enumerou unha serie de intervencións previstas para esta parroquia nos próximos anos. “Queremos facer unha senda peonil dende o Cachopal ata a cooperativa; rematar o asfaltado da estrada que vai dende o campo da festa ata Cas, co límite do concello de O Pino; recuperar e adecentar a área recreativa do Cachopal, así como a fonte do Sar; arranxar a estrada que vai dende Cabanas ata Ponte Carneiro; completar o abastecemento de auga nas tres aldeas; pintar o local social e tratar de facerlle un anexo”.

Manolo Mirás

Modificación do Plan Xeral

Noutra orde de cuestións máis xerais Mirás informou aos veciños sobre a modificación do Plan Xeral. “O que ocorre é que hai moito chan urbano, sobre todo en sitios onde se fan poucas casas e por iso hai que pagar moito de contribución; por iso queremos estudar polo miúdo a posibilidade de que os propietarios de chan urbano que non o utilicen se poidan liberar del, e viceversa; ademais de conseguir equipamentos”. O candidato socialista á reelección á alcaldía de Oroso destacou a importancia de contar cun Plan Xeral de Ordenación Municipal. “Grazas ao Plan Xeral conseguimos os terreos do centro de saúde sen pagar nada, ao igual que o paseo do Carboeiro, a alameda de Gois, ou o colexio e a gardería novos; mentres que outros concellos que non teñen Plan Xeral teñen que gastar diñeiro en comprar terreos para construír infraestruturas”.

Relacionado co Plan Xeral, tamén na parroquia de Ánxeles o alcalde de Oroso explicou unha vez máis porque se paga o imposto de plusvalía no municipio. “O normal é que se grazas ao Plan Xeral o Concello revalorizou un terreo, que menos que eses propietarios repartan algo entre os outros propietarios que non teñen o privilexio de ter eses terreos”.

Para rematar a súa intervención, o alcalde de Oroso lembrou a importancia de implicarse na política. “A política debe de ser máis apreciada polo cidadán porque todas as cousas pasan por este ámbito”, e pediu o apoio dos veciños e veciñas de Ánxeles “para continuar progresando en Oroso”.

Pola súa banda, unha emocionada Vanesa Boo repasou as actuacións feitas ata o momento en Ánxeles e pediu a colaboración dos veciños para que “se seguimos gobernando nos próximos catro anos solicitedes aínda máis cousas”.

Vanesa Boo

Asfaltado na cooperativa

A concelleira de Atención ao maior e Comercio referiuse a unha petición dos veciños para asfaltar o espazo que hai diante da cooperativa. “Trátase dun terreo que pertence á cooperativa, non é público, e sabemos que ten falta, pero dados os antecedentes do que pasou coas obras da tarima da igrexa de San Roman de Pasarelos, onde o PP interpuxo unha denuncia a sabendas de que se trataba dun erro administrativo, consideramos que ata o de agora non é posible realizar dita obra, pois seguramente tamén neste caso o Partido Popular busque a maneira de prexudicar aos veciños. É simplemente por iso polo que o asfaltado non está feito, porque dende o Partido Popular prefiren denunciar as actuacións que se fan e prexudicar aos veciños en vez de traballar polo concello e buscar o ben común”. Con todo, a concelleira socialista lanzou unha mensaxe de tranquilidade e asegurou que “se buscará a maneira de realizar o asfaltado. É máis, se non fose por denuncias como as que fai o PP hoxe en día o asfaltado da cooperativa xa estaría feito”.

Boo lembrou que algo semellante ocorre cunha pista en Castiñeiro Redondo onde hai un treito que pertence ao Concello de Frades. “Antes era o Concello de Oroso quen arranxaba ese treito para que todo quedase ben, sen embargo, tivemos que deixar de facelo porque esa é a forma de facer política do Partido Popular, denunciar ata o máis mínimo detalle sen importarlle as consecuencias”.

A concelleira socialista pediu finalmente o apoio da parroquia onde naceu. “Oxalá confiedes en nós de novo e nos volvades a dar unha oportunidade porque non vos defraudaremos. Seguiremos traballando exactamente igual por todas as parroquias”.

No acto desenvolvido en Ánxeles tamén interveu Lisardino Miranda para dedicar unhas palabras ao traballo realizado durante todos estes anos polo goberno de Manolo Mirás. “Xa levo doce anos cos Socialistas de Oroso e a verdade é que non puidemos haber tido mellor alcalde. Preocupouse polo rural, todos os anos lle dá un repaso ás pistas, mirou polos locais sociais e tamén foi el quen lle deu para adiante á concentración parcelaria. Por moito que diga Doval, foi Manolo Mirás, e seino eu que estou na xunta local”, dixo, e engadiu “houbo moitos alcaldes, pero como el ningún; abonda con mirar arredor para ver que o que fixo Mirás polo concello non o fixo ninguén”.

Lisardino Miranda

Deixa un comentario