Mirás destaca en Vilacide o papel fundamental que xogan as unitarias no municipio e comprométese a realizar o parque infantil da escola, que xa está presupostado no orzamento 2019

Tralo arranque da campaña en Vilarromarís, os Socialistas de Oroso mantiveron un encontro cos veciños e veciñas da Estación de Vilacide.

Mitin Estacion (52)

Nun acto repleto de público o alcalde de Oroso, Manolo Mirás, comprometeuse a realizar o parque infantil na escola de Vilacide -que xa está presupostado no orzamento 2019- e asegurou que pese aos atrancos da Xunta sacarán adiante dita actuación. “Rexeitáronnos o parque que tiñamos previsto para aquí por varios motivos, pero un deses motivos foi a baixa presión fiscal que temos no concello de Oroso; para que logo digan que temos os impostos altos”, lembrou, “aínda así, imos a facer o parque pese o que lle pese á Xunta”, engadiu.

Xunto a este parque Mirás tamén destacou a necesidade de facer un aparcamento para a escola. “Sabemos que é unha demanda que nos fixestes e tomamos nota, porque queremos garantir a seguridade ao saír da escola; así como tamén vos digo que acometeremos todas as reformas necesarias na unitaria tal e como vimos facendo ata o de agora”.

Mitin Estacion (42)

O rexedor socialista amosouse orgulloso do Ensino en Oroso  e de ter escolarizados practicamente a todos os nenos de 0 a 3 anos do concello. “Se por algo traballou este goberno foi sobre todo polo ensino, e debemos estar orgullosos porque poderannos quitar unha herdanza, pero a cultura, o ensino e a formación, iso non nolo vai quitar ninguén. Por iso tamén imos ampliar a Escola Infantil Ulloa”.

Propostas concretas para Vilacide

Ademais do parque infantil, Mirás deu a coñecer unha serie de propostas para a Estación de Vilacide, tales como o abastecemento de auga potable e saneamento en Vilacide de Arriba e Vilacide de Abaixo; a mellora da rede viaria en varias pistas; reclamar ao ADIF o arranxo do almacén de mercancías; o arranxo do lavadoiro de Cortiña ou a iluminación da senda peonil ata Sigüeiro.

“E outro aspecto que creo que lle vai a dar moita vida á Estación Vilacide é a Vía Verde que vai desde Santiago ata Cerceda, e que precisamente estamos liderando nós, e que atraerá turismo e negocios á zona”, engadiu.

A realidade dos impostos

Mirás aproveitou a presenza dos veciños de Vilacide para explicar unha vez máis “a realidade dos impostos”. Neste senso tirou de símil e destacou que “unha vivenda que teña un valor catastral de 100.000 euros pagaría no Concello de Oroso 450 euros, en Ordes 530 euros, en Trazo 470 euros, en Val do Dubra 440 euros e en Cerceda máis de 700 euros”.

Ao remate da súa intervención o candidato socialista á alcaldía de Oroso solicitou o apoio dos veciños para unha candidatura “que combina a xuventude coa veteranía e que é capaz de facer unha terceira revolución no concello de Oroso”.

Mitin Estacion (58)

No acto electoral que os Socialistas de Oroso mantiveron cos veciños e veciñas da Estación de Vilacide acompañaron ao alcalde a concelleira de Benestar Social e Ensino, Beatriz Rodeiro; e a veciña do lugar e candidata número nove, Marta Liñares.

Mitin Estacion (20)

Rodeiro quixo destacar na súa intervención o que diferencia aos Socialistas doutras formacións políticas, e que son tres cuestións básicas, en primeiro lugar “o noso líder, o teu alcalde, Manolo”, dixo, “fundamental no proxecto socialista e unha persoa que só pensa en dar máis e mellores servizos; en segundo lugar a nosa candidatura, preparada e que combina a xuventude coa experiencia; e en terceiro lugar o noso programa con todas as accións que imos a levar a cabo nos próximos catro anos e sen discriminar a ningunha parroquia”. Beatriz Rodeiro pediu finalmente aos presentes a confianza necesaria de cara ao 26 de maio porque “non vos imos a defraudar”.

Mitin Estacion (28)

Pola súa parte, Marta Liñares fixo unha retrospectiva no tempo lembrando como evolucionou o concello de Oroso e os seus servizos nos últimos 15 anos. Liñares tamén se referiu á súa motivación para formar parte da candidatura: “embárcome neste proxecto pola confianza de Manolo Mirás, porque son socialista e creo fielmente nos postulados socialistas; queremos chegar aos veciños, e sei que nos presentamos cun gran exercicio de compromiso, responsabilidade e traballo”.

Deixa un comentario