Mirás en Vilarromarís: “Oroso é un dos concellos cos impostos máis baixos”

O alcalde de Oroso destacou ante os veciños de Vilarromarís que “o noso municipio soporta unha das presións fiscais máis baixas de Galicia” e comprometeuse a “non subir os impostos, ao igual que sería imposible baixalos se queremos manter o nivel de actividades que realizamos actualmente”, dixo.

Mitin Villarromariz (54)

Contradicindo ao que outros queren facer crer, o rexedor socialista explicou aos veciños e veciñas da parroquia de Vilarromarís a realidade dos impostos no municipio. “O Partido Popular dinos que baixemos os impostos, que é necesario baixalos, pero gustaríanos saber como pretenden facer todo o que facemos se baixamos os impostos. É máis; vouvos a dicir a verdade”, apuntou, “se son alcalde non vamos a subir os impostos, pero tampouco os vamos a baixar, excepto aqueles que ao mellor afecten un pouco ás familias”.

Mirás tamén lembrou que cando chegaron ao goberno había “75 millóns das antigas pesetas de débeda e houbo que facer un equilibrio financeiro para sacar o concello adiante, mentres que hoxe en día Oroso é un dos Concellos de España máis saneados xunto co de Vigo”, destacou. “E non só iso -engadiu-, o Concello de Oroso pechou o ano 2018 con superávit e un remanente de tesourería de máis de un millón de euros; un remanente que o Concello destinará a diferentes melloras no municipio”.

Mitin Villarromariz (60)

Propostas concretas para Vilarromarís

O rexedor socialista fixo propostas concretas para a parroquia de Vilarromarís, tales como o asfaltado de varias pistas (a de Falmega ata o Curro, e a de Curro ata a que vai de Couso a Ponte Carollo), así como a realización dun anexo ao local social, a sinalización da travesía de Vilarello (xa contratada), ou a modificación do Plan Xeral que xa está en marcha para que se poidan facer plantacións.

Servizos para todos

O alcalde de Oroso rematou a súa intervención facendo un chamamento á reflexión sobre “a mentira de que se inviste máis en Sigüeiro que no rural”. “Para nada iso é certo, todo o contrario, e cando investimos en Sigüeiro como foi o caso da gardería nova que fixemos, hai que ter en conta que se trata dun servizo para todos; son obras e servizos para uso e disfrute de todos os habitantes do municipio”, insistiu.

Mirás tamén fixo alusión a outros puntos do programa electoral como a creación dun Centro de Día, a piscina climatizada de xeito sostible, a ampliación da escola infantil, o transporte a demanda ou a necesidade de que o centro de saúde estea aberto ao público polas tardes.

No encontro cos veciños de Vilarromarís tamén interviñeron a candidata e veciña da parroquia, Encarni Jiménez, quen agradeceu a presenza de todos os que se achegaron ao encontro; o concelleiro Eduardo Veiras, que lembrou o traballo realizado polo goberno socialista de Oroso para sacar adiante a concentración parcelaria en Vilarromarís; e o concelleiro Antonio Leira, quen tamén insistiu na baixa presión fiscal que soporta Oroso.

Mitin Villarromariz (14)

Mitin Villarromariz (23)Mitin Villarromariz (28)

Deixa un comentario