Manolo Mirás: “Presentamos unha candidatura que conxuga xuventude, experiencia e renovación, e na que están representadas todas as parroquias”

Ante preto de 600 persoas e acompañado do Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o candidato socialista e alcalde de Oroso, Manolo Mirás, presentou a súa candidatura facendo un repaso pola xestión socialista municipal dos últimos anos.

Presentacion Candidatura (2)

Ante preto de 600 persoas e acompañado do Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero, o candidato socialista e alcalde de Oroso, Manolo Mirás presentou onte de xeito oficial a candidatura coa que concorrerá ás eleccións municipais do 26 de maio; unha candidatura que conxuga “xuventude, experiencia e renovación grazas á incorporación de xente moza e tamén por primeira vez”.

Un por un, e representando a todas as parroquias, os candidatos e candidatas subiron ao escenario onde fixeron un repaso polos distintos aspectos que integrarán o programa electoral dos Socialistas de Oroso, tales como o emprego, o comercio, a cultura, o deporte, os servizos sociais ou o turismo.

Intervención Vanesa Boo, Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso

Logros acadados e futuros proxectos

Pola súa parte, o rexedor socialista de Oroso, Manolo Mirás destacou algúns dos logros máis importantes acadados durante todos estes anos de goberno e fixo mención a futuros proxectos como a ampliación da escola infantil ou a consecución dun Centro de Día.

“Conseguimos a rotonda da Foca e temos prevista a circunvalación de Sigüeiro; fomos o primeiro concello de Galicia en ter un Plan Xeral de Ordenación Municipal grazas ao que conseguimos terreos gratuítos para facer un novo centro de saúde ou unha escola infantil; grazas aos programas de conciliación, deportivos, culturais e demais, aumentamos a poboación pasando de 5.000 a case 8.000 habitantes; mantivemos unha loita titánica para que o Ministerio de Fomento nos fixese o enlace sur da Ap-9, retrasado durante catro anos polo goberno do Partido Popular, e grazas a que agora xa o temos hai moitas empresas que se queren instalar aquí; cando chegamos ao goberno non había centros culturais e agora hainos en todas as parroquias, con actividades e con calefacción; melloramos a seguridade dos veciños con quilómetros e quilómetros de sendas peonís; estamos facendo xestións para converter a Festa da Troita en Festa de Interese Turístico Nacional; e todo sen esquecer o gran impulso que supuxo para este concello o Camiño Inglés e a creación do Centro de Estudos e Investigacións do Camiño Inglés (CEICI), así como a primeira peregrinación por este Camiño de máis de 100 persoas liderada por nós, non pola Xunta”, destacou.

Intervención Manolo M.

Con todo isto, Mirás lembrou que a súa “xestión cumpre cos cidadáns de Oroso”, pese ao que se empeña en dicir o líder dos populares.  “O único que fai o líder do PP en Oroso é estar por aí adiante desprestixiando a este Concello, e unha persoa así non vale para levar adiante un Concello; porque as xestións que fixemos os socialistas aquí en Oroso son para eloxiar e non para criticar”, explicou; “unha persoa que quere a Oroso non fai esas cousas”, engadiu.

Presentacion (1)

Non quixo rematar o acto Manolo Mirás sen dedicar unhas palabras de agradecemento aos exconcelleiros presentes, así como a Eduardo Veiras e María del Carmen Liste, concelleiros do goberno socialista actual que non repetirán nos vindeiros comicios.

Manolo Miras

“Un home dedicado 24 horas ao seu Concello”

Pola súa parte, o Secretario Xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero lembrou na súa intervención o traballo e dedicación do candidato socialista de Oroso ao longo de todos estes anos. “É un alcalde de referencia para toda Galicia e o mellor alcalde que pode ter Oroso, un home dedicado 24 horas ao seu Concello, que gaña eleccións tras eleccións e con maiorías do 51% como hai catro anos”, dixo.

Intervención CaballeroCaballero, que tamén fixo alusión á vitoria socialista nas eleccións xerais (por primeira vez tamén en Galicia), instou a traballar “de aquí ao 26 de maio día a día e voto a voto para gañar cunha ampla maioría en Oroso”.

Candidatura

A lista do PSOE en Oroso está liderada por Manuel Mirás Franqueira, ao que acompañan na candidatura Vanesa Boo Martínez, Antonio Leira Piñeiro, Beatriz Rodeiro Fernández, Luís Rey Villaverde, Javier Alfonso Grela Mosquera, José Calvo Rey, María Encarnación Jiménez López, Marta María Liñares Calviño, Jorge Suárez Rey, María del Carmen Varela Gendra, Daniel Fuentes Calvo e Ana Carrillo Calvo.

Como suplentes figuran Jonatan Rey Bouzón, Tamara Carnota Rial, Andrés Sánchez Remuiñan, Beatriz Veiras Souto, Pablo Uxío Regueiro Núñez, Nerea García Durán, Lisardino Miranda Iglesias e Francisco de la Fuente Villaverde.

Deixa un comentario