Vanesa Boo, Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso, fai unha valoración dos resultados das eleccións xerais

Coñecidos xa os resultados das eleccións xerais deste 28 de abril, a Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso, Vanesa Boo, fixo unha primeira valoración. “Os socialistas de Oroso estamos dobremente contentos”, dixo; “en primeiro lugar pola clara vitoria de Pedro Sánchez, o cal vai a ser beneficioso para o país en xeral e para o noso Concello en concreto; e en segundo lugar, satisfeitos polo resultado acadado nas mesas electorais do noso concello, onde o Partido Socialista acadou unha ampla maioría”. “Queremos agradecer así mesmo a alta participación, e tamén o feito de habernos outorgado a maioría de votos no noso Concello”, engadiu Boo.

Cómpre sinalar que no municipio de Oroso o Partido Socialista gañou por 1.340 votos fronte aos 1.152 do Partido Popular. Hai que destacar ademais que a suma dos votos de esquerda superou amplamente á suma das tres dereitas; concretamente, a suma da dereita non chegou aos 2.000 votos, mentres que a suma da esquerda supera con creces esa cifra.

Pola súa parte, o rexedor socialista de Oroso, Manuel Mirás, indicou que “con este resultado afrontamos as eleccións municipais con moita ilusión e coa esperanza de acadar aínda un mellor resultado que o que obtivemos ata o de agora, para poder seguir traballando e mellorando a calidade de vida dos veciños e veciñas de Oroso”.

Mirás engadiu que “a partir de mañá mesmo retomaremos o contacto directo coa veciñanza, comezando pola  presentación da nosa candidatura que terá lugar o venres día 3 de maio ás 20.30 horas no pavillón polideportivo Juanito Amigo de Sigüeiro”.

Deixa un comentario