Satisfacción entre os Socialistas de Oroso tralo arquivo da denuncia presentada polo PP contra os membros da Xunta de Goberno local en relación a unha factura

Mirás: “A verdade só ten un camiño e quedou demostrada co sobresemento da denuncia presentada polo Sr. Doval, quen só pretende gañar nas urnas a través dos xulgados xa que sabe que a través dos votos nunca será capaz”

Oroso (Foto Concello de Oroso)O Xulgado de Instrución Nº2 de Ordes vén de arquivar a denuncia presentada polo PP de Oroso contra os membros da xunta de goberno local en relación a unha factura de 1.010 euros máis IVE por uns traballos realizados na igrexa de San Román de Pasarelos anos atrás.

Tal e como se indica na propia resolución, “no consta que ninguno de los denunciados se hubiera aprovechado de los fondos públicos, sino que ESTÁ ACREDITADA la realización de las obras”. E non só iso, en relación á falsidade documental o xuíz conclúe que “han sido suficientes las explicaciones sobre el error en el concepto de albarán y factura y lugar de realización de las obras”.

Para os Socialistas de Oroso, co sobresemento da denuncia, queda acreditado que o Sr. Doval só pretende danar ás institucións e aos veciños. “É o único que sabe facer, enredar nos xulgados presentando unha denuncia tras outra, tres nos últimos catro anos”, apuntou o rexedor socialista, Manuel Mirás.

“A verdade só ten un camiño e despois de varios anos quedou demostrada, nin houbo malversación de fondos públicos nin se falsificaron facturas; e aínda así, sendo coñecedor da verdade, o Sr. Doval presentou unha denuncia co único obxectivo de arruinar o Concello”, dixo Mirás; “o único que busca é gañar nas urnas mediante os xulgados, pois sabe que con votos nunca será capaz porque os veciños de Oroso non o queren”, engadiu.

“A hipocrisía, a incapacidade, a falsidade, a mentira, a envexa e a mala fe son as únicas calidades do Sr. Doval; unha persoa vaga e sen oficio nin beneficio que durante todo este mandato non fixo nada, só pasearse polos xulgados e perder dous concelleiros por continuos desacordos”, lembrou Mirás. “É unha máquina de facer inimigos, que enloda todo o que toca e que pretende vivir da política cando nunca traballou nin sabe como funciona un Concello”, concluíu.

Para os Socialistas de Oroso o Sr. Doval actuou unha vez máis con maldade e aleivosía demostrando que o seu único fin é chegar á alcaldía ao prezo que sexa. Non obstante, e de novo, a xustiza foi a encargada de poñer a verdade sobre a mesa dándolle a razón ao goberno socialista de Oroso e deixando en evidencia as mentiras e os embustes do PP e do seu voceiro.

Deixa un comentario