Despois de estar catro anos ausentes, e a un mes das eleccións, a Conselleira de Educación e o voceiro do PP local reúnense coa comunidade educativa de Oroso

Os Socialistas de Oroso dámoslle a benvida á realidade á Conselleira e ao Sr. Doval e agardamos que sexan quen de xustificar a súa ausencia e as nulas inversións da Xunta nos centros educativos da vila

O Socialistas de Oroso queremos darlle a benvida á REALIDADE á conselleira de Educación, Carmen Pomar, que da man do voceiro do PP local, Alexander Doval, se vai achegar ao noso municipio para manter un encontro coa comunidade educativa, casualmente, un mes antes das eleccións. Mágoa que o seu departamento estivese totalmente ausente durante os últimos catro anos, exactamente igual que o Sr. Doval.

Os feitos falan por si sós, abonda con lembrar en que interveu esta Consellería nos últimos catro anos no ámbito da educación en Oroso.

Sen ir máis lonxe, cando se construíu o CEIP Camiño Inglés anunciouse que ía ser un centro de dúas liñas por curso e que a Xunta ofertaría o servizo de comedor. Cal foi a REALIDADE? Tras varios encontros coa Xefatura Territorial de Educación confirmouse que o centro sería dunha liña (un só grupo por aula), e que a Xunta non se faría cargo do comedor. A día de hoxe o centro educativo dispón de servizo de comedor, pero grazas ao esforzo do Concello que optou por unha concesión a unha empresa que se encarga de xestionar dito servizo.

O mesmo ocorreu co CRA

Oroso dispón dun Centro Rural Agrupado (CRA), un dos poucos que aínda resisten en Galicia. Para que este poida abrir as súas portas a comezo de curso o Concello realiza numerosas inversións, especialmente no mantemento das escolas unitarias, co único obxectivo de que os nenos e nenas que asisten aos centros rurais dispoñan dunhas instalacións dignas, e que ademais se melloran ano a ano. Cal é a REALIDADE? A Consellería de Educación investiu nas escolas do Centro Rural Agrupado a cantidade exacta de 0 EUROS, deixando no máis absoluto esquecemento a estes centros rurais e aos seus usuarios.

Centrándonos na actualidade, no presente curso realizouse a construción dunha pasarela no CEIP Sigüeiro para que os nenos que van ao pavillón poidan cruzar sen mollarse. A REALIDADE? Dita obra foi solicitada en multitude de ocasións á Consellería que, co único argumento de que “en Galicia toda a vida os nenos e nenas se mollaron”, rexeitou levar a cabo dita actuación. Tivo que ser este goberno Socialista, co apoio do BNG, quen aprobase nos seus presupostos levar a cabo a obra da pasarela.

Pero poderiamos seguir enumerando multitude de exemplos: seguimos esperando polo arranxo do tellado e pola substitución das ventás da parte oeste do colexio, onde a Consellería dá a calada por resposta; chegouse a un acordo coa Xefatura Territorial para que levase a cabo a mellora da instalación eléctrica do centro e poder adaptala así ás novas tecnoloxías, e tamén neste caso seguimos recibindo da Consellería o silencio e a total ausencia como solucións.

Agardamos que o Sr. Doval faga chegar á conselleira as necesidades REAIS da comunidade educativa, agora que xa lle fixemos o traballo de darllas a coñecer.

Para o goberno Socialista de Oroso os centros educativos son unha das principais prioridades, onde cada ano se invisten máis de 50.000 euros en mantemento, arranxo e melloras en cada un deles. É por iso que lle damos a benvida á realidade tanto ao Sr. Doval como á conselleira, desexando que na súa próxima visita, e reunión co colectivo educativo, sexan quen de responder a todas estas cuestións e xustificar a súa total ausencia e abandono nos últimos catro anos.

Deixa un comentario