Os Socialistas de Oroso continuaremos traballando durante todo o ano, “non só uns meses antes das eleccións”, para que o rural siga medrando

As infraestruturas e os investimentos realizados falan por si sós e deixan en evidencia ao voceiro do Partido Popular de Oroso cando afirma que o rural está abandonado

Unha vez máis e como de costume, o voceiro do Partido Popular en Oroso, Alexander Doval,  volve a facer uso das mentiras en vez de expoñer argumentos que teñan algún tipo de fundamento. Criticar por criticar ten un perigo, que é o de quedar en evidencia tal e como acaba de facer, de novo, o señor Doval.

A cuestión é que nunhas declaración recentes o voceiro popular acusou ao goberno socialista de Oroso de ter o rural abandonado; “ese mesmo rural no que temos un elevado número de escolas abertas, ese rural no que todas e cada unha das parroquias dispoñen dun local social ben equipado, con actividades e con calefacción; e o mesmo rural no que por exemplo tan só o ano pasado se investiu máis de un millón de euros en melloras de camiños, abastecementos de auga e sendas peonís”, lembraron dende as filas Socialistas.

É comprensible que o voceiro popular se dedique a facer campaña, pero debería facelo con datos que coñeza. Do contrario cometerá torpezas como a que vén de facer informando das axudas que a Xunta ten ao dispor das asociacións veciñais para realizar reformas nos locais, cando a realidade é que “os locais das asociacións son do Concello, están todos arranxados e, no caso de querer realizar algunha reforma a asociación tería que ser propietaria dese local, cousa que non se dá no municipio”.

“Unha vez máis o señor Doval dá conta do seu descoñecemento da vida pública, e volve a chegar tarde, xa que nunca antes se preocupou polas asociacións nin as súas actividades ata agora que veñen as eleccións”, destacaron os Socialistas; “para mostra do seu desinterese o feito de que nunca levou a pleno unha iniciativa relacionada coas agrupacións locais existentes en Oroso”, engadiron.

Dende os Socialistas de Oroso temos claro que o rural sempre estivo presente na nosa “axenda” e non só uns meses antes das eleccións, os feitos falan por sis sós, e por ese motivo continuaremos traballando na mesma liña para que o rural de Oroso siga medrando en todos os aspectos, ao igual que as asociacións veciñais.

Deixa un comentario