As asociacións do municipio achegan as súas demandas no último dos Encontros Socialistas

A pasada tarde os Socialistas de Oroso mantivemos o último dos encontros previstos para tratar de recoller ideas de cara á confección do programa electoral das vindeira eleccións municipais, e coñecer de paso as necesidades dos diferentes colectivos da vila.

Neste caso a reunión foi coas distintas asociacións do municipio (Anpas, asociacións de veciños, culturais, de comercio…), e nela estiveron presentes os concelleiros e concelleiras Vanesa Boo, Beatriz Rodeiro, Luis Rey e Eduardo Veiras, responsables das áreas -entre outras- de Atención ao maior e Comercio, Benestar Social, Cultura e Deporte, e Obras respectivamente; así como o coordinador do programa electoral, José Calvo.

Encontro asociacions (1)

A tamén secretaria xeral dos Socialistas de Oroso, Vanesa Boo, agradeceu a asistencia de todos os participantes e destacou a “importancia de manter este tipo de reunións co tecido asociativo do municipio para recoller as súas peticións e ao mesmo tempo facer balance dos últimos catro anos”.

Os responsables municipais, cada un na súa área, tomaron nota das peticións e intereses dos asistentes, que aproveitaron a ocasión para facer chegar as necesidades máis urxentes relacionadas cos centros educativos do concello e o resto de infraestruturas municipais.

Con esta xuntanza péchase unha rolda de encontros que deu comezo días atrás cos colectivos deportivos do municipio, e que dende as filas socialistas cualificaron de “produtivo e útil para todos”.

Deixa un comentario