Os Socialistas de Oroso pedimos que non se lle poda cortar a auga e a enerxía ás familias sen recursos e o PP vota en contra.

Pleno municipal

Balado tira de demagoxia e defende o anteproxecto de lei do aborto de Gallardón ao tempo que asegura que “tal e como está non se vai aprobar”.

A sesión de xaneiro demostrou que o Partido Popular de Oroso está instalado nunha cerrazón que o leva a estar en contra de todos: dos veciños de Oroso, das familias máis necesitadas, das mulleres… Dá igual o que se propoña, o PP de Oroso sempre estará en contra. Unha situación surrealista que mesmo os levou a opoñerse a que se habiliten medidas para que as grandes eléctricas non podan cortarlle a luz e a calefacción ás familias sen recursos de Oroso.

Poñámonos en situación. Salón de plenos, xoves 30 de xaneiro. Os Socialistas de Oroso presentamos unha moción para instar á Xunta de Galicia a habilitar unha liña de axudas sobre un servizo mínimo de subministro de enerxía (electricidade e gas) e de auga que garanta que ningún fogar poda ser privado dun mínimo de cobertura enerxética de subsistencia. Por que? Pois porque como explico o noso compañeiro Antonio Leira: “dende o Concello de Oroso xa podemos acceder á empresa concesionaria do servizo de auga, polo que hai dúas semanas xa paramos dous casos nos que se lles ía cortar o subministro a familias en situación de pobreza, pero cando se trata de electricidade nos damos de bruces con Fenosa”.

E cal foi a razón que levou ao PP de Oroso a opoñerse a esta xusta reivindicación? As palabras do señor Balado son clarificadoras: “Non estamos de acordo coa exposición de motivos”. Ou o que é o mesmo, que a situación dos veciños de Oroso non lles importa absolutamente nada, o importante é non meter ao compañeiro Feijoo nun apuro. Non vaia ser… A pesar de todo, a proposta dos Socialistas de Oroso de crear un chan social para garantir como dereito o subministro básico de auga, luz e gas (e todo baixo os informes dos Servizos Sociais de Oroso) saíu adiante grazas aos votos a favor de PSOE, BNG e mesmo Partido Galeguista, que incluso nos felicitou por esta iniciativa e mesmo pediu que se habilitasen normas que impidan que un presidente ou un ministro podan rematar de inmediato no consello de administración dunha gran eléctrica, tal e como vén sucedendo.

Aborto

Pero a demagoxia do señor Balado e os seus compañeiros estaba lonxe de acadar o seu culmen, pois este chegou co debate do anteproxecto de Lei do Aborto. O compañeiro Antonio Leira explicou as razóns polas que é preciso que o Goberno retire o anteproxecto de lei: conta coa oposición da gran maioría da sociedade, supón un retroceso social e de dereitos da muller de máis de 30 anos, é unha proposta rexeitada por toda Europa e tan só defendido pola ultradereita francesa…

A socialista Mari Carmen Liste, como concelleira da Muller, asegurou que este anteproxecto “trátanos ás mulleres como se fosemos un útero, como un recipiente. Estar embarazada é un dereito, non un deber nin unha obriga”. Ademais, lamentou que “para o PP o aborto é só unha cuestión económica e non deixan de destacar os beneficios económicos que traerá esta medida”. Debe ser polas viaxes a abortar a Londres que farán os que teñan cartos, pois aos demais só lles quedará Portugal ou a clandestinidade, como acontecía o século pasado. Liste mesmo instou á concelleira do PP, Ana Varela, a que como muller se pronunciase sobre o tema. Nin un chío, pois o señor Balado mesmo se encargou de falar por ela.

Así, o voceiro do PP asegura que “confía” en que o anteproxecto será modificado no trámite parlamentario e propuxeron como referencia a lei de 1985”. Trinta anos atrás, case nada… A demagoxia do señor Balado chegou ao límite de dicir que “non penso exactamente igual co ministro, pero esta lei ten cousas que están ben”. Momento no que o alcalde Manuel Mirás iniciou a votación á vista de que “a demagoxia do PP de Oroso non ten límites” e lembroulles unha gran verdade: “se o meu partido fixera o que está facendo o seu, eu non estaría aquí votando ao seu favor porque primeiro son os cidadáns de Oroso. Despois o partido”. Mais os feitos demostran que ao PP de Oroso nada lle importan os veciños, só salvarlle o cú aos señores Rajoy e Feijoo.

Deixa un comentario