Comunicado dos Socialistas de Oroso

Despois da última acción emprendida por parte do Partido Popular de Oroso, a executiva socialista e, os socialistas de Oroso en xeral, tamén queremos sumar o noso apoio total e absoluto á xunta de goberno local.

Coñecemos a mecánica e a forma de actuar do Partido Popular de Oroso e do Sr. Doval porque xa é repetitiva. Unha vez máis, o único que intentan é sacar réditos dos erros materiais, prexudicando neste caso a empresas e veciños do concello.

Agora tocoulle aos veciños de San Román de Pasarelos, pero non son os primeiros nin serán os últimos, pois con este comportamento por parte do PP, unha e outra vez, o único que están a conseguir é o malestar xeral da poboación.

Un erro na factura

Os socialistas de Oroso temos claro que o único que está a facer o Sr. Doval é tratar de retorcer un asunto que se reduce a un erro nunha factura. A empresa encargada de realizar a obra nesta parroquia emitiu unha factura baixo o nome “local social de San Román de Pasarelos”, en vez de poñer “Igrexa de San Román de Pasarelos”.

Pero o peor de todo é que o voceiro do Partido Popular é consciente e sabedor de tal erro e, aínda así, actúa con maldade e aleivosía contra a propia empresa e contra os veciños de San Román de Pasarelos, xa que a obra está realizada e ademais por un importe de 1.010 euros máis IVE.

O máis incrible de todo é que foi unha factura fiscalizada e aprobada pola Intervención municipal, que é o máximo garante da legalidade. Por iso non entendemos como é capaz de asegurar que no seu momento non se lle permitiu ver a factura, cando el mesmo ten acceso a todas as actas das xuntas de goberno onde veñen todas as facturas que son aprobadas, esta coa que o Sr. Doval pretende crear polémica incluída.

Con esta actitude o Partido Popular de Oroso demostra que non lle importan os veciños e, o seu voceiro, demostra que o único obxectivo que persegue é chegar á alcaldía ao prezo que sexa, e deixando no camiño a quen sexa, incluídas as empresas locais.

Sirva de exemplo que en máis dunha ocasión xa cuestionou a execución da tarima do salón de xuntas ou, no caso da parroquia de Senra, chegou a poñer en dúbida a realización dun armario no local social.

Solicitude dun pleno extraordinario

Ante a petición dun pleno extraordinario, os socialistas de Oroso non podemos máis que amosarnos sorprendidos, pois é agora cando solicitan un pleno extraordinario para tratar un asunto sobre uns feitos que aconteceron hai máis de dous anos.

Dende ese momento celebráronse multitude de plenos ordinarios e o voceiro do Partido Popular nunca dixo nada nin preguntou absolutamente nada. Entendemos por tanto que o único que quere é percibir unha retribución extra. Do contrario xa tería preguntado antes.

Con todo, os socialistas de Oroso estaremos encantados de asistir a ese pleno e de convidar a todos os veciños para que coñezan a verdade. E, do mesmo xeito, esperemos que por unha vez o Sr. Doval aporte algo.

 

Deixa un comentario