Os Socialistas de Oroso seguimos demandando unha distribución xusta dos fondos e con criterios obxectivos para cada Concello

O número de decembro do xornal Crónicas publica unha entrevista ao Presidente da Comisión de Economía na Deputación da Coruña, Antonio Leira, na que, entre outros aspectos, destaca a aposta decidida polo Plan Único da Deputación.

Grazas a este Plan, cada Concello pode decidir a que destina os fondos que recibe por parte da administración provincial. E non só iso, pois tal e como aclara o deputado socialista, dende a Deputación realízase un repartimento totalmente equitativo entre os Concellos deixando á marxe as diferentes cores políticas.

Isto último é o que os Socialistas de Oroso seguimos demandando e esixindo á Xunta de Galicia: unha distribución xusta dos fondos e con criterios obxectivos; un sistema como o da Deputación onde “non se marxine aos Concellos pola súa cor política”.

Con este obxectivo levamos a un dos últimos plenos unha moción na que os socialistas reivindicamos outro modelo de xestión máis igualitario e non “a dedo”. Unha moción que por certo non contou co apoio do Partido Popular ao votar en contra baixo o único pretexto de que “hai Concellos que están a favor e outros en contra”.

Esa foi a única explicación do voceiro do PP para non apoiar unha petición que só busca a igualdade entre os distintos gobernos municipais, sexan socialistas, populares ou de calquera outro partido. Non obstante, parece ser que os populares non o entenden así, pois tampouco se tivo en conta ningunha das alegacións que fixemos aos orzamentos da Xunta.

Os Socialistas de Oroso continuaremos defendendo e esixindo unha distribución do diñeiro público sen discriminacións.

Entrevista Antonio Leira pag 1

Entrevista Antonio Leira pag 2

Deixa un comentario