Vanesa Boo: “A mentira e a ineptitude do señor Doval son os seus únicos méritos”

A Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso denuncia a “costume fatigosa” do voceiro popular de difundir mentiras sobre as actuacións previstas no municipio co único obxectivo de “coleccionar titulares de prensa”

“Unha vez máis o señor Doval fai da mentira e da ineptitude o seu único mérito”, así de contundente se amosou a Secretaria Xeral dos Socialistas de Oroso, Vanesa Boo, en relación ás declaracións vertidas polo voceiro do grupo municipal popular en Oroso, Alexander Doval, sobre o campo de fútbol de A Penela.

“Unha vez máis o señor Doval minte coa única intención de crear un problema onde non existe e de atribuírse méritos impropios. Hai que deixar claro que está a falar sen ter datos nin preguntar o que supón acometer unha obra como a do campo de fútbol de A Penela, e máis cando no pleno celebrado hai uns días nin sequera se molestou en preguntar en que fase se atopaba este proxecto”, aclarou Boo.

Para os socialistas de Oroso esta situación non é nada novo e vai camiño de converterse nunha “costume fatigosa” do voceiro do Partido Popular. “Ao único ao que nos leva a súa incompetencia e falta de iniciativa  é a incendiar os procesos nos que nos atopamos inmersos, xerando preocupacións innecesarias nos veciños e enlodando cada actuación que se acomete na vila”, explicou a secretaria xeral.

“Que casualidade que sempre que imos iniciar unha actuación sae a escena o señor Doval confundindo aos veciños e pedindo que se realice algo que xa está en marcha; entendemos que coa única intención de sacar rédito político e de coleccionar titulares de prensa”, engadiu Boo. “Sabemos que ao señor Doval non lle preocupan os problemas reais do municipio, pois se así fose trataría de informarse sobre cada actuación, cousa que nunca fai, en vez de difamar e difundir mentiras a calquera prezo”.

O auditorio, entre as próximas actuacións

Para os Socialistas de Oroso o campo de fútbol de A Penela continúa a ser unha das actuacións prioritarias que se executará seguindo os prazos previstos fixados polos trámites necesarios. Do mesmo xeito, “xa lle adiantamos ao señor Doval que está aprobado o proxecto do futuro auditorio ao contar co visto e prace do Consello Asesor do Camiño de Santiago dende hai uns días”, anunciou Vanesa Boo. “Tras este anuncio, agardamos como de costume que o señor Doval acuda unha vez máis aos medios de comunicación para repetirse nas súas esixencias”.

Os Socialistas de Oroso convidamos ao señor Doval a que deixe de desacreditarse como voceiro do seu grupo, e tamén a que deixe de desprestixiar ao seu equipo, con esta falla permanente de propostas e, no canto diso, se anime a traer iniciativas propias para o municipio.

“Nin sequera propuxo nada para levar ao Plan Único, mostra clara do seu desinterese por mellorar as infraestruturas do rural que tanto reclama”, puntualizou a socialista, quen tamén se preguntou “cantas actuacións trae el dende Medio Rural ou cando ten pesando esixir que se acelere a limpeza nas marxes do río Tambre; se percibe unha retribución da Consellería ben podería aportar algo,  sería o máis lóxico: cobrar por facer algo”, concluíu Boo.

Deixa un comentario