Os socialistas denuncian que a Xunta elimine as frecuencias do transporte comarcal sen consultar aos concellos.

metropolitano

Representantes do PSdeG-PSOE da bisbarra advertiron do desestimento unilateral por parte da Xunta do convenio de transporte comarcal asinado en decembro de 2010 e advirten que “darán a batalla” para que o transporte interurbano funcione.

O voceiro do grupo municipal socialista, Paco Reyes, acompañado polo alcalde de Oroso, Manuel Mirás, o de Brión, José Luis García, e os voceiros socialistas de Teo e Ames, Uxía Lemus e José Miñones, criticou a reprogramación das liñas de bus urbano que estaba previsto aumentar para o periodo 2013-2015. Os socialistas anunciaron a presentación de mocións nos seus respectivos concellos posto que consideran que afecta gravemente ás persoas máis prexudicadas pola crise, os usuarios do transporte comarcal.

En total son 16 expedicións diarias as que estaba previsto poñer en marcha a partir deste ano, dúas de interese municipal e14 de interese comarcal, e que agora a Dirección xeral de Mobilidade decidiu eliminar sen previa consulta aos concellos. Os alcaldes de Oroso e Brión lamentaron que a eliminación das liñas fíxose na última reunión da Xunta cos concellos da comarca compostelá introducindo unha resolución “que non figuraba na orde do día e que nin puidemos estudar”.

Consideran que a Xunta non está a encarar con realismo o problema do transporte metropolitano, en palabras e Paco Reyes, que considera que a calidade deste transporte incide en Santiago como centro de referencia da comarca. “Interésanos que veña xente a traballar, facer negocios, para o lecer e que permita ao usuario deixar o seu coche no concello de orixe para evitar colapsos”, pero deste xeito é imposible.

A nivel particular o alcalde de Oroso, Manuel Mirás, pediulle á Xunta que faga cumprir ás empresas operadoras, en concreto a Monbús, frecuencias e horarios, pois hai varios traxectos que non se están a levar a cabo, un “recorte inxusto nun momento de crise fonda no que as persoas deberían contar con transporte público áxil e barato”. Ademais, dixo que os concellos veciños de Compostela “estamos dispostos a facer un esforzo pero se non colabora a Xunta nin o Concello de Santiago, mal vamos”.

Pola súa banda, o alcalde de Brión dixo non estar disposto a pagar máis do que lle corresponde en función dunha enquisa, como pretende a Xunta, e non do número de viaxeiros que viaxan cada día desde o seu concello. Ademais, lamentou o mal estado da flota, que se ía renovar hai xa catro anos, e que os buses non conten con GPS.

No caso de Teo, a voceira do PSdeG-PSOE, Uxía Lemos, lembrou que nos últimos meses se creou unha plataforma veciñal en Cacheiras para protestar pola falta de servizo do transporte e os problemas horarios que xa recadou máis de 2.000 sinaturas. “Todas as forzas políticas estamos xuntas nesta cuestión” e considera unha “burla” que a Dirección xeral de Mobilidade non reciba aos veciños nin trate de poñer solución ao problema.
Gobernar “a golpe de decreto” fai que “non poidamos recorrer porque non temos notificación”. Entende que a Xunta, nun exercicio de responsabilidade, “debería contar aos concellos o que está pasando”.

Por último, o voceiro dos socialistas en Ames, José Miñones, cualificou a retirada das liñas de “esperpento”, “tanto na forma como no fondo” e lamenta que coa escusa da “crise” os veciños agora sufran este recorte. Lembrou que Ames, que vén de chegar aos 30.000 habitantes, é un dos concellos que máis medra de Galicia, e hai moita xente con fillos que teñen que vir a Santiago por mor dos seus estudos. Os autobuses nas horas punta van cheos, e os datos así o demostran. Desde 2011 o incremento foi dun 15%, contabilizando un total de 7,5 millóns de viaxes, polo que a ampliación das liñas era “máis que precisa”. Ademais, pediu ao alcalde de Ames que compareza pois “aínda non o escoitamos falar sobre este asunto”.

Deixa un comentario