Volven os “Cafés co Alcalde”

O domingo 18 de novembro tivo lugar no local social de Deixebre o primeiro dunha serie de encontros cos veciños que, baixo o nome de “Cafés co Alcalde”, teñen como obxectivo coñecer as demandas e necesidades existentes en cada parroquia do municipio.

Deixebre px.

Máis de medio cento de veciños e veciñas acudiron a esta cita na que o alcalde de Oroso, Manolo Mirás, deu a coñecer os pormenores dos proxectos nos que traballan dende o Concello. Mirás aproveitou tamén a ocasión para transmitirlle aos veciños as próximas actuacións que se van levar a cabo nesta parroquia, como por exemplo unha nova marquesiña en Vilar de Arriba “que probablemente antes de que acabe o mes ou nos primeiros días de decembro estará instalada”. O rexedor municipal aludiu tamén á preocupación existente en torno á variante alternativa á N-550 e explicou que, no lugar desa variante (un proxecto que non era do agrado dos veciños), a solución será unha circunvalación.

O alcalde informou tamén das xestións realizadas coa Consellería de Industria para atallar os cortes de luz. Neste senso tomou nota dos lugares exactos para poder transmitirlle tanto á empresa eléctrica como á Consellería os puntos e núcleos exactos onde é necesario actuar. Así mesmo, recordou a necesidade de acometer melloras no parque infantil e tamén no piso da escola, actuacións previstas en breve, ao igual que a auga corrente na igrexa ou o reforzo do alumeado público no lugar de Vilar de Abaixo.

Mirás tamén anunciou que nos vindeiros días está previsto sacar a licitación a modificación do PXOM en Deixebre, Trasmonte e en Oroso, sempre tendo en conta que a aprobación definitiva dependerá da Xunta de Galicia.

Deixebre (8)

Pola súa parte, os veciños aproveitaron a ocasión para preguntar por algúns proxectos, como o caso da futura circunvalación, que foi o que máis debate e interese suscitou, así como para facer varias peticións e reclamacións: farois nalgúns puntos da parroquia, o arranxo de fochancas, o aumento das prazas de aparcamento preto da escola, a rede de sumidoiros na zona dos Carballos, sinalización viaria, novos pasos de peóns e pintado dalgúns xa existentes e a limpeza de pistas e cunetas, entre outras actuacións.

Como vén sendo habitual nos últimos anos, os encontros cos veciños das diferentes parroquias continuarán nas vindeiras semanas.

Deixa un comentario