A obtención dos permisos por parte de Educación e a nova Lei de Contratos, elaborada polo PP, motivaron a demora no inicio das obras no Colexio de Sigüeiro

O alcalde de Oroso, Manuel Mirás, explicou que as obras para instalar un paso cuberto entre o CEIP de Sigüeiro e as pistas deportivas comezarán ao “seu debido tempo, se temos en conta todos os atrancos e obstáculos que tivemos que superar durante estes meses”.

Mirás referiuse así á denuncia do voceiro do Partido Popular en Oroso, Alexander Doval, “quen unha vez máis dá conta do seu descoñecemento e desinterese” á hora de xestionar os trámites necesarios coas Administracións pertinentes para iniciar uns traballos.

“O retraso no inicio das obras está xustificado por dous motivos fundamentalmente; un, o tempo que nos costou conseguir as autorizacións sectoriais dependentes da Consellería de Educación para empezar a obra e, o outro, o cambio da nova Lei de Contratos; unha lei que por certo foi elaborada e aprobada polo goberno do PP, e coa que o único que conseguimos foron retrasos na tramitación e prexudicar ao pequeno comercio e ás empresas locais”, engadiu Mirás.

Unha das prioridades para os socialistas de Oroso foi dende sempre a Educación, “tal e como vimos demostrando ao longo de toda a lexislatura con diferentes actuacións tanto nos colexios rurais como nos centros educativos do centro do municipio”. Por este motivo, o rexedor municipal lembroulle ao voceiro popular a necesidade de “aparcar a demagoxia e actuar realmente en beneficio dos veciños”. “É curioso que o señor Doval sempre se acorde das obras cando están a punto de comezar a executarse, e nunca antes”, insistiu.

Mirás salientou por último que o voceiro do Partido Popular “non aporta nada positivo e tampouco inviste tempo nin esforzo en conseguir un só euro de investimento para o noso concello; actitude que sería máis produtiva para os veciños que as palabras baleiras que se dedica a repetir cada vez que comezamos unha obra”, concluíu.

Deixa un comentario