O delegado do Goberno en Galicia comprométese en Oroso a impulsar varias obras que aliviarán o tráfico no municipio

Na súa visita a Oroso, Javier Losada atendeu as demandas dos socialistas e comprometeuse co alcalde da vila, Manuel Mirás, a executar a rotonda da Foca para o vindeiro ano, así como a promover a circunvalación proposta polo rexedor municipal; dous proxectos que mellorarán o tráfico no municipio

A visita do delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada, a Oroso puxo de manifesto o “compromiso real de actuación” por parte do Goberno central con respecto ao problema de tráfico que dende hai anos padece este municipio. Así o manifestou o propio Losada quen indicou que “por petición do alcalde, Manuel Mirás, estou aquí para ver en primeira persoa as diferentes modificacións e cambios nas vías de comunicación do concello, como a nova glorieta que haberá na praza da Foca para mellorar a seguridade e a mobilidade”.

3

É precisamente a construción desta nova rotonda na praza da Foca o proxecto máis avanzado de entre as infraestruturas demandadas polos socialistas de Oroso, pois xa foi redactado e actualmente estase a tramitar a súa aprobación definitiva.

Acompañado do rexedor muncipipal, Manuel Mirás, así como por diferentes membros da corporación e técnicos da Demarcación de Estradas do Estado, o delegado do Goberno achegouse ata a praza da Foca, en Sigüeiro, para coñecer a zona de actuación que abrangue este proxecto.

4

2019, incio das obras

Á falla de licitar as obras, está previsto que os traballos comecen a executarse o vindeiro ano. “Falarei coa Dirección Xeral de Estradas para a licitación e a ser posible as obras terán lugar no 2019”, explicou Losada, quen engadiu que o orzamento para os traballos ascende a 140.000 euros.

Pola súa parte, o alcalde de Oroso destacou que “coa nova glorieta evitaremos os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sigüeiro debido aos vehículos que van dirección Santiago e A Coruña, así como os que se incorporan pola avenida da Grabanxa e pola rúa do Portiño”.

Unha circunvalación como alternativa á variante

Outro dos temas que se abordou durante a visita de Losada a Oroso foi a construción dunha variante alternativa á N-550 desde o sur de Ordes ata Marantes, e que finalmente non se executará tal e como anunciou no seu momento o propio alcalde da vila: “escoitamos aos veciños, as súas peticións, e ademais non queremos prexudicar aos negocios comerciais situados na N-550, por iso non se fará”, dixo Mirás.

A alternativa proposta polo alcalde de Oroso a esta variante, e que ademais ten un menor custe, consiste “nunha nova circunvalación en Sigüeiro desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”; petición esta que tamén foi atendida polo delegado do Goberno.

11

Neste senso, Losada comprometeuse a analizar e a impulsar o proxecto proposto por Mirás, iso si, nun período de tempo máis longo que o que atinxe aos traballos na Foca. “Isto é debido a que a posta en marcha dun proxecto como o da futura circunvalación implica trámites máis complexos como é o caso dun estudo de impacto ambiental”, aclarou o alcalde. Ao igual que na praza de Foca, Losada e Mirás tamén se desprazaron ata a rotonda da que partirá a futura circunvalación.

9

Ponte sobre o Tambre

En relación aos traballos de reforzo e mellora que se están a acometer na ponte da N-550 sobre o río Tambre, o delegado do Goberno apuntou durante a súa visita a Oroso que se continuarán coas obras para “consolidar os piares da ponte” e garantir así a súa seguridade.

A visita de Javier Losada ao municipio quedou rexistrada na propia Casa Consistorial coa súa sinatura no libro de honra do Concello de Oroso. O feito de achegarse a comprobar en primeira persoa as actuacións que se van desenvolver nas vías de comunicación da vila demostra o interese e o compromiso de ambos Gobernos socialistas coa mellora das infraestruturas en Oroso; unha mellora que repercutirá directamente en todos os veciños e usuarios da contorna de xeito positivo.

1

Deixa un comentario