Mirás: “os feitos demostran que atendemos a todas as parroquias por igual e sen discriminación algunha”

O alcalde de Oroso, Manolo Mirás, critica as palabras do voceiro popular, quen “unha vez máis dá conta da súa incompetencia”

“O descoñecemento do voceiro do Partido Popular de Oroso é cada día máis sorprendente e semella non ter límite”, afirmou o alcalde da vila, Manolo Mirás, en relación á petición do popular de asfaltar a pista que vai desde o Cachopal ata a aldea de Cas.

“Como ben saben os veciños, comunicámoslle ao señor Doval que xa se está co proxecto e, polo tanto, non hai discriminación de ningún tipo. É máis, se por algo se caracteriza este goberno socialista é por atender a todas e todos os veciños por igual sen discriminación algunha, tanto a veciños como a Concellos limítrofes”, puntualizou o rexedor.

O alcalde de Oroso indicou ademais que “atendemos as necesidades de todas as parroquias, e é máis, concretamente na parroquia de San Mamede xa se actuou”, e engadiu que “dende o equipo de goberno seguimos traballando sen que o Partido Popular nos teña que ensinar nada, sábeo ben toda a veciñanza do concello; nós guiámonos por feitos e por obras e non por palabras baleiras ou ‘sensacións’ –como di o señor Doval– que nada teñen que ver coa realidade”.

Para os socialistas de Oroso as palabras do voceiro popular dan conta unha vez máis da súa incompetencia que, lonxe de solucionar algo, só se dedica a crear problemas onde non os hai. “Creo que os feitos falan por si sós pois, entre outros servizos, agora mesmo estamos coa ampliación do abastecemento de auga potable, que serán os núcleos de Sar e Cabanas”, aclarou Mirás.

Para os socialistas de Oroso as palabras e a forma de actuar do voceiro popular reflicten a clara intención de sacar rédito político de actuacións que “este goberno ten xa en marcha ou programadas”. “Está claro que o señor Doval vai sempre a remolque dos feitos, actitude que cremos que corresponde á falta de iniciativas propias e ao descoñecemento e desinterese da realidade dos veciños”, concluíu Mirás.

Deixa un comentario