O alcalde de Oroso denuncia a “ineficacia e a incompetencia” do voceiro do PP en relación aos problemas de abastecemento eléctrico que padecen os veciños de Deixebre

Dende o grupo municipal do Partido Socialista de Oroso, e tamén como equipo de goberno do Concello, denunciaron a “ineficacia” do voceiro do Partido Popular, Alexánder Doval, á hora de xestionar problemas como o do abastecemento eléctrico na parroquia de Deixebre.

“Gustaríanos saber que é o que fai o señor Doval para solucionar esta problemática, cando a consellería é do seu mesmo partido e, en vez de realizar xestións para solucionar o problema só se dedica a criticar”, apuntou o alcalde de Oroso, Manolo Mirás. O rexedor municipal fixo estas declaracións despois de que no último pleno ordinario, o Partido Popular informase mediante un rogo de “continuos cortes” na subministración de enerxía eléctrica na parroquia de Deixebre.

“Se ben é certo que os veciños de Deixebre sofren problemas de abastecemento eléctrico, máis certo é que dende o goberno local xa denunciamos e trasladamos esta problemática en múltiples ocasións, tanto á consellería de Industria como á empresa correspondente demandando solucións urxentes”, sinalou o alcalde. Así mesmo, “gustaríanos saber a que se dedica exactamente o señor Doval como membro da oposición e se realizou algunhas xestións neste tema, pois as súas vinculacións coa Xunta de Galicia poderían axudar a solucionar os problemas que padecen os veciños desta parroquia”, engadiu.

Mirás amosouse sorprendido coa “ineficacia e incompetencia” demostrada polo voceiro do PP, quen “en vez de criticar e non facer nada, debería emprazar á Xunta a que lle esixise solucións á compañía eléctrica para solucionar os cortes de electricidade que afectan aos veciños de Deixebre”.

Incumprimento da ordenanza por parte do PP

Por outra banda, o rexedor municipal quixo manifestar o seu malestar ante o incumprimento que “en reiteradas ocasións” fan dende o Partido Popular da ordenanza pública de limpeza e ornato público “colocando carteis onde lles parece”. “O único que fan con iso é emporcar o mobiliario público; un mobiliario que é de todos e que a todos nos custa a súa limpeza”, explicou.

Neste senso, Mirás referíase á colocación de carteis con información que dende o Partido Popular queren transmitir ao Concello, e que en vez de realizar polas canles habilitadas para iso (plenos, aplicación do Concello, etc), realizan en espazos públicos que non están habilitados para tal acción. “Lembrámoslle ao señor Doval que como cidadán, pero sobre todo como persoa pública, debe ser exemplo de civismo cumprindo cos seus deberes e responsabilidades como tal, entre as que se atopa a de respectar o mobiliario público”.

Cartel

Na fotografía pode verse unha das notas informativas que dende o PP colocaron no mobiliario do municipio, cousa que non está permitida.

Deixa un comentario