O Concello de Oroso obtén o compromiso do Ministerio de Fomento de acometer varios proxectos para aliviar o tráfico no centro urbano de Sigüeiro e eliminar o proxecto da variante alternativa á N-550 que afectaba ás parroquias de Trasmonte, Deixebre e Oroso

Haberá unha nova rotonda na praza da Foca que estará lista antes dun ano

O alcalde, Manuel Mirás, propón ademais unha circunvalación en Sigüeiro

Oroso, 26 de setembro de 2018.- O alcalde do Concello de Oroso, Manuel Mirás, obtivo o compromiso do Ministerio de Fomento de acometer varias obras e proxectos para aliviar o tráfico ao seu paso polo municipio, sendo unha das infraestruturas que se levarán a cabo a  rotonda da Foca. Así o anunciou tras manter unha reunión en Madrid co secretario xeral de Infraestruturas do Ministerio de Fomento, José Javier Izquierdo, e o director xeral de Estradas, Francisco Herrero, na que trasladou e demandou a necesidade de crear unha rotonda na praza da Foca en Sigüeiro.

Do mesmo xeito, o rexedor municipal fixo público o compromiso de que a construción levarase a cabo na maior brevidade posible. “Co Goberno socialista en Madrid, eu persoalmente acabo de conseguir o compromiso de que se realice a rotonda na maior brevidade posible, hai que ter en conta que se trata dunha infraestrutura que levamos demandando dende hai moitos anos e que co goberno de Mariano Rajoy e os seus ministros, Ana Pastor primeiro e Íñigo de la Serna despois, non conseguimos absolutamente nada; mentres que co Goberno central socialista, antes dun ano a rotonda da Foca estará lista”, apuntou Manuel Mirás.

Máis de 22.000 vehículos a diario

Os datos rexistrados confirman que son máis de 22.000 vehículos os que circulan cada día polo centro de Sigüeiro, motivo polo que o alcalde Manuel Mirás considera necesario tomar medidas para que “o tráfico sexa máis fluído, eliminando incluso algúns dos semáforos para reducir as retencións; situación que no Ministerio comprenderon e polo que acometerán as actuacións necesarias”.

Con esta rotonda “pretendemos evitar os atascos que se producen na N-550 ao seu paso por Sgüeiro debido ao gran volume de vehículos que van tanto en dirección Santiago como dirección A Coruña, así como os que se incorporan pola avenida da Grabanxa e os que o fan pola rúa do Portiño”, engadiu.

Unha circunvalación como alternativa

Na mesma reunión mantida cos representantes do Ministerio de Fomento, o rexedor explicou que “non é necesario o proxecto dunha estrada alternativa á N-550 desde Ordes, senón que é mellor unha obra de menos envergadura consistente nunha circunvalación en Sigüeiro polo oeste, desde a rotonda do polígono ata a bifurcación da estrada que vai ao aeroporto de Lavacolla”. “Con esta alternativa non prexudicamos aos negocios situados na N-550 que, en gran medida, viven dos usuarios desta estrada”, apuntou Mirás.

Ademais, esta nova vía podería considerarse de velocidade moderada (50KM/h) e evitaría os atascos para os que se dirixen ao aeroporto desde o norte da provincia. Neste senso, cómpre destacar que Fomento comprometeuse a analizar o proxecto proposto polo alcalde de Oroso.

Deixa un comentario