Unha oposición construtiva

Os Socialistas de Oroso lamentamos a actitude que nos últimos tempos adoptou o voceiro do PP no municipio, Alexander Doval. Máis que a unha oposición construtiva ao que se está a dedicar ultimamente é a promover e criticar actuacións nas redes sociais que só danan aos veciños. E dicimos aos veciños porque moitas das súas denuncias van directamente contra eles cando, ao mellor, actuaron así por descoñecemento nas normativas, un despiste ou erros.

Non sabemos se é pola súa ignorancia na materia, pero o certo é que con esta actitude infantil e inconsciente o único que está a conseguir o Sr. Doval é prexudicar aos veciños, pois en vez de difundilo a través das redes sociais o que debería facer antes de nada é falar cos afectados en primeira persoa e tratar de buscar unha solución, mesmo poñendo os feitos en coñecemento da administración competente. De non responder esta sería entón o momento de denunciar.

Cremos firmemente que esa é a actitude e, sobre todo, o compromiso e a responsabilidade dun cargo público ante a veciñanza, a de trasladar os problemas que afectan á sociedade ás administracións en vez de difundilos a través das redes sociais sen pensar nas posibles consecuencias que poida ter para os propios veciños.

Non é esta forma de proceder unha novidade, pois o labor de oposición baseado en denuncias e mentiras que só prexudicaba aos veciños de Oroso sen solucionar absolutamente nada, xa foi unha técnica empregada polo Sr. Siverio Mirás. Agora, como fiel discípulo seu, Alexander Doval continúa nesta mesma liña indo en contra dos veciños e, insistimos, con denuncias que non chegan a nada nin solucionan problemas, só os agravan.

Se ao voceiro do Partido Popular en Oroso tanto lle gusta denunciar en redes sociais, lembrámoslle que tamén debería recoller as queixas pola colocación de carteis do seu partido en colectores de lixo, mobiliario urbano e demais cada vez que organiza actos do Partido ao que representa.

Como grupo socialista e tamén como equipo de goberno do Concello de Oroso lamentamos esta actitude do Sr. Doval, a quen lle recomendamos que proceda tal e como fan os veciños; dando aviso ao Concello ante algunha incidencia para poder iniciar o seu arranxo, en vez de publicalo nas súas redes sociais ou enviar un comunicado aos seus “amigos” (tal e como os denomina) dos medios de comunicación.

En numerosas ocasións instamos ao voceiro do PP a que puxera en coñecemento do Concello calquera tipo de incidencia ou deficiencia rexistrada no municipio, pero parece ser que pesa máis o seu afán de protagonismo e publicidade que o feito de colaborar de xeito leal coa administración e, sobre todo, cos veciños a quen, lembramos, se debe como cargo político.

Como equipo de goberno tamén lle lembramos ao señor Doval que pode utilizar a aplicación Oroso Informa, da cal é coñecedor e a través da que pode facer chegar todas aquelas anomalías que considere. Ao igual que nos plenos municipais, onde en numerosas ocasións dende o equipo de goberno amosamos a nosa disposición a solucionar todos os problemas denunciados polo Partido Popular; sendo estes os xeitos de proceder máis habituais e sensatos nun cargo público que amose un certo grao de responsabilidade.

Por todo isto, animamos ao voceiro do Partido Popular de Oroso a que expoña nos plenos as problemáticas que denuncia nas redes sociais e que traslada aos medios de comunicación, deixando a un lado a súa “covardía por temor ao debate”.

Consideramos que “para ser alcalde dun concello hai que ser leal co labor que se debe desempeñar como concelleiro e, por suposto cos veciños e veciñas, estando ao seu servizo e ao do propio Concello. A intención de Doval non é outra que intentar atallar para chegar á alcaldía, pero non parece esta maneira de proceder o mellor xeito de conseguilo”.

Deixa un comentario