Máis de 600 persoas asisten ao Encontro Socialista da Penateixa que, este ano, contou coa presenza da Vicepresidenta do Goberno, Carmen Calvo

O tradicional Encontro que anualmente organizan os Socialistas de Oroso reuniu nesta ocasión a destacados dirixentes do partido tanto a nivel autonómico como nacional. Deste xeito, con Manolo Mirás ao fronte, a Área Recreativa da Penateixa foi tamén punto de encontro para a vicepresidenta do Goberno de España, Carmen Calvo; o delegado do Goberno en Galicia, Javier Losada; o secretario xeral do PSdeG, Gonzalo Caballero; ou o presidente da Deputación da Coruña, Valentín González Formoso, entre outros.

Encontro Socialista na Penateixa 2018 (1)

Encontro Socialista na Penateixa 2018 (47)

Ante as máis de 600 persoas que este ano acudiron á celebración socialista, a secretaria xeral da agrupación local, Vanesa Boo, foi a encargada de abrir o Encontro agradecendo en primeiro lugar a presenza de todos os dirixentes políticos alí congregados. Boo destacou igualmente “a longa traxectoria” desta festa e animou a “seguir traballando para toda a veciñanza”.

“O rural non está abandonado”

Trala súa intervención tomou a palabra o rexedor municipal, Manolo Mirás, quen aproveitou para defender unha vez máis o ensino no rural. “Debemos ser un dos poucos concellos de Galicia que ten cinco escolas abertas no rural, pero cinco escolas ben preparadas; un Centro Rural Agrupado onde aos nenos se lles dan todas as materias”. Mirás defendeu ademais que “temos esas escolas porque miramos polo rural”, desmentindo así as palabras que en máis dunha ocasión verteu a oposición sinalando que as zonas rurais de Oroso estaban abandonadas.

Apertura Encontro Socialista

Durante a súa intervención, o alcalde de Oroso tamén realizou un pequeno percorrido polas infraestruturas da vila, como son por exemplo os 16 locais e centros cívicos en diferentes parroquias, os numerosos quilómetros de sendas peonís por todo o concello, ou a brigada de obras que continuamente realiza tarefas de limpeza no municipio.

O AVE a Galicia

Manolo Mirás non se esqueceu no seu discurso da chegada do AVE a Galicia, insistindo no feito de que “curiosamente só hai présa por traer o AVE a Galicia cando goberna o Partido Socialista, mentres que cando goberna o Partido Popular só se retrasa o tema”. Neste senso, o rexedor local incidiu en que “efectivamente o AVE vai chegar a Galicia gobernando o Partido Socialista porque a sociedade galega e a sociedade española está cansada do podado e recorte de dereitos do Partido Popular”.

Mirás lembrou que os socialistas gobernan para todos, “non como fai o Partido Popular cando por exemplo hai uns meses a Xunta de Galicia sacou unha convocatoria de axudas que se esgotaron en poucos minutos e, curiosamente, todas foron adxudicadas a gobernos populares”. “Iso non é un goberno xusto”, dixo.

Unha solución para a variante

Especial fincapé fixo o alcalde de Oroso na preocupación de todos os veciños, e concretamente dos veciños de Sigüeiro, Trasmonte e Deixebre, pola variante que parte desde o sur de Ordes ata o sur de Sigüeiro. “Sei que estades preocupados, e que non estades de acordo con esa variante, pero eu dígovos aquí diante do delegado do Goberno e da Vicepresidenta Carmen Calvo, que lle imos propoñer ao Ministerio de Fomento que invistan uns catro millóns de euros para solucionar o problema do tráfico en Sigüeiro, de tal xeito que todos os veciños de Trasmonte, Deixebre e parte de Oroso seguiredes tendo a mesma estrada e mantendo vivos os vosos negocios”. Mirás lembrou que esta solución xa lle foi proposta ao goberno do Partido Popular sen obter resposta algunha, feito cando menos sorprendente se temos en conta que a “infraestrutura que propoñía o goberno do PP ten un custo superior aos 40 millóns de euros”, mentres que a proposta polo alcalde de Oroso non supera os catro millóns de euros. “Aforramos uns 35 millóns, todos os veciños quedan satisfeitos, non enchemos o territorio de estradas e empregamos os recursos económicos de forma sostible”, explicou Mirás.

Volven os “encontros co alcalde”

Manolo Mirás rematou a súa intervención ante os centos de persoas que acudiron á Área Recreativa da Penateixa lembrando que no mes de outubro retomaranse os encontros co alcalde; unha serie de reunións cos veciños das diferentes parroquias para trasladarlles o que se está a desenvolver dende o goberno municipal e recoller ao mesmo tempo as súas inquedanzas.

Durante o Encontro Socialista tamén tomaron a palabra Valentín González, Gonzalo Caballero e Carmen Calvo, quen por certo loou a defensa que o alcalde de Oroso fixo das escolas rurais.

Encontro Socialista na Penateixa 2018 (42)

Deixa un comentario